Print this page

Preséntase a ferramenta Cegal en rede

Rate this item
(1 Vote)

O luns 14 de novembro, o presidente de CEGAL, Fernando Valverde González, o presidente da Federación de Libreiros de Galicia, Xurxo Patiño Pérez e o Director Xeral do Libro, Francisco López Rodríguez, presentaron a ferramenta tecnolóxica do libro CEGAL en Rede, adaptación para Galicia da xa existente CEGAL en Red.

A idea de CEGAL en Rede é a de montar unha pasarela cun grupo de libreiros de Galicia, así como coa Rede de Bibliotecas de xeito que se poida volver utilizar a información destes axentes para mellorar a catalogación na devandita base de datos. Unha vez que estes fondos estean dispoñibles dentro de CEGAL en Rede, poderán ser utilizados por todos os usuarios do sistema, tanto na modalidade Web como a través de SINLI.

Cegal en Rede responde á necesidade do sector de integrarse na dinámica dos servizos ofrecidos polas librarías avanzadas, con cobertura de nivel mundial. A web, localizable no enderezo www.cegal.es, inclúe excelentes estudos verbo da dinámica de vendas, moi importante para coñecer as tendencias e as preferencias do público, e as fórmulas máis eficaces para adaptarse ás novas necesidades e posibilidades que ofrece actualmente a técnica.

A nova sección galega de ‘Cegal en rede’ resulta especialmente importante para o sector, debido ás transformacións particulares que se dan nesta comunidade. Galicia conta cunha industria do libro de primeiro nivel que se desenvolveu moi rapidamente, polo que os axentes comerciais deben modificar inercias para situar no mercado galego produtos propios, con personalidade e inmediatez, en canto á produción e contidos. Do mesmo xeito, a nova ferramenta contribúe aos libreiros de Galicia a chegar ao importante público que o libro galego atopa fóra dos propios límites xeográficos.

Para completar a ferramenta e ampliar os servizos aos libreiros (e indirectamente ao resto das empresas que forman a cadea do libro), creouse o portal/buscador de libros www.todostuslibros.com . Este buscador permite ao público lector beneficiarse da dispoñibilidade recompilada por CEGAL en Rede e localizar comodamente os libros que busca.  Polo tanto, o buscador todostuslibros.com  está en situación de ofrecer maior visibilidade dos libros así como das librarías e editores.