Print this page

Premian o labor xornalístico de David Reinero por un libro sobre o accidente de Angrois

Rate this item
(0 votes)

O xornalista David Reinero é o gañador do premio de xornalismo Xosé Aurelio Carracedo 2014, un certame que anualmente convoca a Deputación de Ourense para honrar a memoria do xornalista ourensán que lle da nome ao premio, falecido nun accidente de tráfico.

O xurado ditaminou conceder o galardón a David Reinero polo seu traballo titulado Angrois. O AVE en anacos, editado por Praza Pública e Meubook, que recolle o labor xornalístico realizado polo autor sobre o accidente ferroviario de Angrois na edición galega de El País. O xurado destaca da obra premiada o "fondo e pormenorizado análise da traxedia ferroviaria de Angrois, abordada dende todos os aspectos, cunha visión ampla, crítica e obxectiva". Valora sinaladamente o xurado o desenvolvemento do traballo que parte da orixe da traxedia "para ir percorrendo as consecuencias e o futuro que se formula a partires do accidente". "Elaborado, crítico, moi documentado e reflexivo", son adxectivos cos que o xurado resume este traballo, do que destaca a calidade estilística e xornalística do mesmo, "que permite o lector informarse e, á vez, sacar as súas propias conclusións".

Angrois. O AVE en anacos é un dos dous primeiros títulos da iniciativa editorial lanzada polo medio dixital Praza Pública e a editora Meubook para dar soporte en libros de pequeno formato e prezo reducido aos diversos xéneros periodísticos, desde a crónica e a reportaxe de interpretación ás entrevistas, as columnas de opinión ou o ensaísmo xornalístico, e acoller ademais temáticas socias, culturais e políticas variadas.

A entrega do premio terá lugar na Deputación de Ourense o día 3 de maio, Día Internacional da Liberdade de Prensa.