Print this page

Ponteareas celebra por vez primeira a Feira do Libro

Rate this item
(1 Vote)

Arranca a I Feira do Libro de Ponteareas, que se desenvolverá dende hoxe ata que peche as súas portas o domingo día 30. A Praza Maior acollerá os postos dos libreiros, as presentacións de libros, as actividades e o acto inaugural que dará comezo ás 19.30 h. coa actuación de SonDa Rúa e a lectura do pregón a cargo de Kiko Neves.

En colaboración coa Federación de Libreros de Galicia, a Xunta e a Deputación de Pontevedra, a I Feira do Libro de Ponteareas desenvolverase baixo o lema A ledicia de ler, estreitamente vinculado a Carlos Casares, homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Librerías de toda Galicia e tamén locais, Milfollas e Ledo, completan as oito casetas que estarán presentes na Praza Maior. Durante os catro días de feira máis de vinte escritores e personaxes do mundo do libro estarán presentes. Escritores locais ou da zona como Raquel Castro compartirán espazo con escritores como Vítor Vaqueiro, Amara Castro ou Juan J. Prieto.

Pensando nos lectores máis novos contarase cun obradoiro de ilustración a cargo da Escola de Arte de Ponteareas, un obradoiro gastronómico que permitirá aprender a facer gominolas máis sans e diversas actuacións que queren incentivar o gusto pola lectura e descubrir o amplo e rico mundo da palabra ás xeracións máis novas.

O domingo realizarase un espectáculo para tódalas idades, con Luis Valecillo, que permitirá achegarse un pouco máis a Carlos Casares. Da man de Pablo Piñeiro, Rocío López e Carlos Meixide, cometeranse as reviravoltas do proceso de escritura, edición e distribución de libros.

Ademais, nas cafeterías de Ponteareas os clientes poderán rematar un conto proposto pola I Feira do Libro. Tódolos participantes entrarán no sorteo dun lote de libros e dúas entradas para o balneario de Mondariz. O ganador de “Remata o conto” recibirá unha coa para dúas persoas, un lote de libros e dúas entradas para o balneario. Tódolos interesados poden pedir na súa cafetería habitual rematar o conto da I Feira do Libro.

Unha novidade é o sorteo Elixe os teus favoritos, que é unha campaña que está a desenvolverse polas librarías, no que se pode participar a través dunha ligazón nas redes sociais ou na páxina web da Federación de Libreros, www.librarias.org, que permite aos que indiquen o libro, escritor /a e librería favoritos ser ganadores dun dos 200 exemplares que se sortearán no mes de setembro.

Como é habitual, durante toda a feira, os libros comprados terán un desconto do 10% e diariamente, realizaranse sorteos de libros.