Print this page

Política Lingüística colabora co PEN Clube e a AELG en prol de actividades para a difusión da nosa literatura e lingua

Rate this item
(0 votes)

A Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co PEN Clube Galicia e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) en prol do impulso e difusión da literatura e a lingua do país.

Por unha banda, co PEN Club de Galicia, vense de establecer un programa de colaboración para este ano a través do cal se desenvolverán diversas iniciativas dirixidas a conmemorar os 50 anos do pasamento de Aquilino Iglesia Alvariño. Este marco de colaboración coa entidade que preside Luís González Tosar tamén inclúe os actos de homenaxe a Xosé María Díaz Castro no ano en que se cumpre o medio século da publicación do poemario Nimbos. O PEN Club de Galicia lembrará a Díaz Castro na III Festa da Palabra, que terá lugar o día 9 de xullo na Insua dos Poetas.

Por outra banda, as actuacións promovidas coa AELG inciden na difusión das obras dos escritores e escritoras en lingua galega e tamén na súa proxección exterior. Con este fin, colabórase este ano coa entidade que preside Cesáreo Sánchez Iglesias na ampliación da fonte informativa e documental do portal web da AELG, que incorpora fichas sobre autores e autoras galegos. O ciclo de conferencias Escritores na Universidade e a III Residencia de Escritoras/es Galegas/os son outras das iniciativas que levará a cabo a AELG para difundir e promover a nosa lingua a través da literatura.