Print this page

Poesía na Costa da Morte

Rate this item
(1 Vote)

Derradeiros días do 2011 moi poéticos na Costa da Morte. Por unha banda o Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM) convoca o “Certame de Poesía sobre os Faros da Costa da Morte” para poñer en valor a riqueza paisaxística e turística que teñen estes sinais luminosos da nosa costa, e máis concretamente da Costa da Morte, é dicir aquela que abrangue dende as illas Sisargas ata o Monte Louro. A razón da escolla dun certame de poesía é a de continuar o labor de grandes escritores galegos que se viron inspirados nestes senlleiros edificios, como foi o caso de Gonzalo López Abente, Xervasio Paz Lestón, Antón Zapata García ou Miro Villar.

A realización deste certame ten lugar grazas ao Proxecto Singular “Percorrendo Vieiros da Costa da Morte” aprobado pola Deputación da Coruña.

V Recital Poetas da Costa da Morte

Pola súa banda, o concello de Muxía convoca para mañá sábado o V Recital Poetas da Costa da Morte, un acontecemento presentado por Rosalía Fernández Rial con música de Mon Bua e as intervencións de Paco Souto, Miguel Mato, Paco de Tano, Serxio Iglesias, X.H. Rivadulla Corcón, David Creus, Suso Bahamonde e María Lado.

O acto terá lugar ás 19,45 h. No Salón do Voluntariado do Concello de Muxía.