Print this page

Picaversos: voz e palabra no Modus Vivendi compostelán

Rate this item
(0 votes)

Mañá martes dará comezo Picaversos, un ciclo de lecturas poéticas que terá lugar no pub Modus Vivendi de Santiago de Compostela.

Cada quince días haberá unha nova sesión dunha duración aproximada de hora e media. Nela, tres convidados (que poden ser escritoras, pero tamén músicos, ou xente do teatro, ou taberneiras, ou magos…) escollerán os seus textos poéticos preferidos arredor dun lema. Lerán textos propios e alleos. Na primeira sesión os tres lectores convidados a abrir este ciclo de lecturas son Olga Novo, Martin Wu (The Homens) e Lupe Gómez.

Picaversos quere recuperar, dunha parte, o pracer de compartir unha lectura que nos gusta en voz alta, e doutra, o pracer de escoitala. En tempos vertixinosos, cativos, propoñemos un gorentoso exercicio de concentración: só a voz e a palabra.

Picaversos pretende visibilizar a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar  o seu público. Quere reunir voces diversas sen espazo conxunto nas programacións  institucionais. E busca recuperar as lecturas poéticas amplas, non tan orientadas á  produción propia como lecturas escollidas (e preferidas) sobre un tema proposto.

A entrada a cada sesión do ciclo custa 2 euros.