Print this page

Pergerto Saavedra Fernández, novo membro da Real Academia Galega

Rate this item
(0 votes)

O Plenario da Real Academia Galega reuniuse en sesión ordinaria o pasado venres 30 de setembro, onde se tomaron os seguintes acordos:

Dar estado oficial á proposta como Académica de Honra de Giulia Lanciani. A profesora Lanciani, Catedrática de lingua e literatura portuguesa e brasileira, do Departamento de literaturas comparadas da Universidade de Roma Tre, é unha eminente investigadora e divulgadora do noso corpus lírico medieval, con edicións e importantes estudos que son referencia obrigada entre os estudosos deste campo. Os investigadores galegos ofrecéronlle unha homenaxe en forma de libro en 2009, Pola melhor dona de quantas fez nostro Senhor. Homenaxe á profesora Giulia Lanciani (coord. Mercedes Brea, Santiago de Compostela: CIRP).

Por outra banda, tomouse a decisión de nomear Académico Electo a don Pergerto Saavedra Fernández, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do Académico Numerario don Francisco Xavier Río Barja. Saavedra Fernández é catedrático de Historia Moderna da Universidade de Santiago de Compostela. Leva trinta e cinco anos de traxectoria investigadora sobre de temas esenciais para a comprensión da historia de Galicia, do que son espléndida mostra algúns libros seus, como os dedicados ao estudo da antiga provincia de Mondoñedo, a vida cotiá na Galicia moderna, as comunidades campesiñas e os bens comunais, a industrialización galega no século XVIII ou os estudos sobre as comunidades monásticas.

No mesmo Plenario deuse estado oficial ás propostas como Académicos Correspondentes de Ana Isabel Boullón Agrelo, Xosé Henrique Costas González, Gonzalo Navaza Blanco e Antón Palacio Sánchez.

Así mesmo deuse conta das seguintes doazóns de fondos á Real Academia Galega:

D.ª nx0woefina Rodríguez-Sanjurjo y Salgado fixo doazón de importante documentación, libros, cadros e mobiliario que pertenceron a seu pai, o que foi Académico Correspondente da RAG, D. Primitivo Rodríguez Sanjurjo.

D. Emilio Durán Corsanego doou á Academia documentación moi interesante, maiormente pertencente ao seu familiar don Galo Salinas.

D.ª Olga e Mar y Luz Villaverde Otero, fixeron cesión de diversa documentación de seu pai, nx0woé Villaverde Velo.

Do mesmo xeito, estase a preparar unha homenaxe a Nicomedes Pastor Díaz, con motivo do centenario do seu nacemento.