Print this page

Paco Martín e Ramón Villares reciben ex aequo o Premio Otero Pedrayo

Rate this item
(0 votes)
Paco Martín e Ramón Villares Paco Martín e Ramón Villares Foto: AELG

O historiador Ramón Villares e o escritor Paco Martín recibirán ex aequo o Premio Otero Pedrayo 2019. O Premio ten como obxectivo perpetuar e honrar a memoria deste egrexio intelectual grazas ós traballos que representan unha contribución á cultura galega. Este premio, de ámbito nacional e carácter anual, organízao cada ano unha das catro deputacións do país. O fallo coñeceuse tras a reunión mantida o pasado venres na Sala de Xuntas da Deputación de Lugo, que se encargou de organizar o galardón nesta edición.

O Premio Otero Pedrayo recae en dúas persoas por segundo ano consecutivo. En 2018, compartírono a pedagoga Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán.

O xurado estivo composto por representantes do goberno de Galicia, das catro deputacións provinciais, das tres universidades, da Real Academia Galega, do Instituto Padre Sarmiento e da Fundación Otero Pedrayo. O secretario xeral de Cultura Anxo Lourenzo e a vicepresidenta da Deputación de Lugo Maite Ferreiro exerceron como presidente e vicepresidenta do xurado.

Paco Martín e Ramón Villares recibirán o Premio Otero Pedrayo o vindeiro 20 de decembro no Salón de Actos da Deputación de Lugo.

Paco Martín é un dos autores de referencia da literatura infantil e xuvenil en galego, posición na que se situou coa publicación de Das cousas de Ramón Lamote, título traducido a varios idiomas e polo que foi recoñecido internacionalmente. O seu último título, publicado este mesmo ano, é O home que comprou un libro (Galaxia). A súa traxectoria na literatura foi parella á súa actividade como docente na que destacou como promotor de movementos de renovación pedagóxica como Nova Escola Galega e da elaboración de materiais didácticos en galego. 

Pola súa banda, o catedrático de Historia Contemporánea, Ramón Villares é autor de numerosas investigacións e publicacións de historia agraria, cultural e política, ademais dun recoñecido estudoso da obra de Otero Pedrayo. En 2006, ingresou na Real Academia Galega cun discurso arredor da traxectoria do escritor ourensán, que retomou recentemente co ensaio Fuga e retorno de Adrián Solovio (Galaxia, 2018). O historiador chairego, que foi reitor da Universidade de Santiago entre 1990 e 1994, ocupou a presidencia do Consello da Cultura Galega desde 2006 ata 2018.