Print this page

Os Premios da Crítica recoñecen a obra de Xabier P. Docampo na súa XLI edición

Rate this item
(0 votes)

O Hotel Os Escudos de Vigo acolleu este sábado, no decurso dun xantar, o ditame da cuadraséxima primeira edición dos Premios da Crítica de Galicia na súas modalidades de Creación Literaria, Investigación, Música, Iniciativas Culturais e Científicas, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Cine e Artes Audiovisuais e Cultura Gastronómica. Baixo o lema “ESPIGAR”, xuntáronse trescentas corenta persoas representativas dos diversos ámbitos da política, da sociedade e da actividade cultural do país, entre as que se atopaban Abel Caballero, alcalde de Vigo; Carmela Silva, presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra; Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Anxo Lorenzo Suárez, director xeral de políticas culturais; e Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega, entre outros.

Bieito Ledo, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, abriu o acto, conducido por Afonso Vázquez Monxardín, saudando aos asistentes e lembrando a traxectoria dos premios e defendendo a pervivencia da lingua galega como o seu celme.

O xurado da XLI edición dos Premios da Crítica de Galicia da modalidade de Creación Literaria, formado por Antonio Manuel Fraga, escritor, gañador da edición 2017; Yolanda Castaño, poeta e xestora cultural; María Xesús Fernández Fernández, profesora e crítica; María Xesús Nogueira, profesora da USC e crítica; Susana Sánchez Aríns, profesora e crítica; Miro Villar, profesor e crítico; Ramón Nicolás Rodríguez, secretaría, en representación da APCG, acordou declarar finalistas as obras A nena do abrigo de astracán (Xerais) de Xabier P. DoCampo, Nomes de fume (Espiral Maior) de Miriam Ferradans, Camuflaxe (Chan da Pólvora) de Lupe Gómez, Cervatos (Faktoría K) de Lucía Novas. Tras as derradeiras deliberacións acordou outorgar por maioría o premio A nena do abrigo de astracán de Xabier P. DoCampo. O xurado salientou que «esta obra culmina unha traxectoria creativa, recollendo o corolario dunha serie de aprendizaxes que aquí se espellan. Ao tempo que salientamos o coidado da súa estrutura, a viveza e naturalidade dos diálogos, a construción dunha atmosfera que repara na presenza das ausencias, a reflexión sobre a maldade, a referencia ao cine como refuxio da inocencia e a súa riqueza lingüística, elementos que o converten, ao noso xuízo, na mellor novela do ano».

Pola súa banda, a poeta e xornalista Ana Romaní acadou o premio da modalidade de Iniciativas Culturais e Científicas, polo seu traballo en Diario Cultural. O xurado salientou «o seu labor a prol da visibilidade, promoción e difusión da nosa cultura, nas súas diversas manifestacións ou expresións, así como a súa defensa e uso do galego. Labor que desenvolveu maiormente como directora do programa Diario Cultural da Radio Galega dende o seu inicio, no 1990, ata mediados do presente 2018». O O xurado quixo salientar, tamén, a súa declarada vontade de intervención e perspectiva feminista.

O resto de premiados foron José Luis Mascareñas, Premio de Investigación; Mercedes Peón, Premio de Música; Javier Alonso de la Peña, Premio de Artes Plásticas; Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), Premio de Artes Escénicas; Matria de Álvaro Lago, Premio de Cine e Artes Audiovisuais; e Boaga, Premio de Cultura gastronómica.