Print this page

Os libros sairán á praza no concello de Ames

Rate this item
(0 votes)

Un ano máis o Concello de Ames conmemorará o Día do Libro cun acto especial que reunirá a literatura e a música e que terá lugar este sábado día 30 na praza do concello de Bertamiráns.

Contos, poesía, música, obradoiros... actividades creativas e entretidas para todos os públicos serán algunhas das actividades que se celebrarán. A concellaría de Cultura e Deportes e a de Educación de Ames deseñaron unha programación especial para conmemorar este sábado o Día Internacional do Libro. Fuxindo da habitual organización dos actos en espazos pechados, a conmemoración do Día do Libro en Ames será na rúa, ao aire libre, de xeito que poida ter un maior dinamismo e aproveitar a afluencia de público que adoita haber os sábados en Bertamiráns por causa do mercado de rúa.

A programación para o acto do Día do Libro comezará ás 17.00 h. coa presentación e sinatura do libro A narrativa galega na fin de século (Galaxia) de Dolores Vilavedra. Calos Lema, director de edicións da Editorial Galaxia, a escritora Inma López Silva e o concelleiro de Cultura, Deportes e Patrimonio Histórico, Francisco Villaverde, acompañarán a Dolores Vilavedra na súa intervención. Simultaneamente, realizaranse dous obradoiros para elaborar o gran libro do día do libro e para elaborar marcapáxinas. Os rapaces e rapazas poderán aprender distintas técnicas para confeccionar os seus propios marcapáxinas. Ademais entre todos os rapaces e rapazas farán un libro de grandes dimensións.

Este día suporá tamén unha boa oportunidade para dar á literatura a importancia que merece nas nosas vidas ofrecéndolle un oco do noso tempo, pois ao mesmo tempo e no mesmo lugar no que se desenvolve este acto, as librarías de Ames exporán os seus libros e poranos á venda cun 10 % de desconto. Así mesmo haberá un posto dedicado á creación de camisetas literarias con Tinta de Lura.

A partir das 18.00 h. terá lugar a lectura dos traballos gañadores no VII Certame Literario Concello de Ames, así como a presentación do libro que os reúne. Os gañadores da modalidade de poesía poderán ler o seu poema ao completo, mentres que na modalidade de narrativa escolleranse os mellores fragmentos para ler ante o público. A música será tamén a protagonista desta parte da celebración. O dúo musical amiense Pel de Noz realizará varias actuacións alternadas entre as lecturas dos diferentes fragmentos literarios.