Print this page

Os legados de Valle-Inclán e de Cela, máis preto da cidadanía

Rate this item
(0 votes)

A familia de Ramón del Valle-Inclán cede a Universidade de Santiago de Compostela (USC) a biblioteca persoal do escritor arousán, así como o arquivo familiar, documentación sobre representacións teatrais das obras do autor, traducións e outros documentos diversos.

Esta nova cesión contén arredor de 5.000 volumes dos que máis de 600 son libros dedicados por outros escritores; o arquivo da familia, con máis de 30 volumes; e o fondo documental de Mercedes Alsina Gómez-Ulla e Carlos del Valle-Inclán Blanco que integran unha colección de tomos encadernados con documentación de prensa do período 1936-2006, entre as que se atopan novas sobre a biografía do escritor ou sobre as súas estreas e críticas xornalísticas, entre outros. Tamén se atopan un cento de carpetas con fotografías, recortes de prensa e programas de man de diferentes estreas teatrais de obras de Valle-Inclán. Trátase de material de especial relevancia ao dar conta dos intereses intelectuais do autor (historia, filosofía, política, esoterismo ou arte, entre outros) así como das súas preferencias como lector en relación á literatura española, galega e foránea. 

O material hoxe formalmente incorporado aos fondos universitarios súmase ao depósito do legado manuscrito orixinal de Valle-Inclán Alsina na Biblioteca en 2009 ou ao fondo bibliográfico Valle-Inclán de edicións (1895-1936), probablemente o máis completo dos existentes hoxe. A incorporación da biblioteca persoal permite á USC dispor do fondo documental e bibliográfico máis importante dos existentes na actualidade de Valle-Inclán. O reitor da USC, Juan Viaño, aseverou que “a USC comprométese, como non podería ser doutro xeito a conservar e difundir este fondo documental Valle-Inclán que contribúe a engrandecer o valor intrínseco da Biblioteca Universitaria e, por extensión, o da propia universidade e que sitúa a USC como referente internacional dos estudos valleinclanianos”. 

De xeito inmediato, a USC traballa xa no procesado do fondo para que poida ser coñecido e estudado, o que conleva a revisión de cada exemplar e a súa preparación para a catalogación e a posta a disposición do persoal investigador. Igualmente compre realizar un catálogo cun ordenamento preciso de toda a documentación, tarefa que acometerá o persoal técnico da Biblioteca Universitaria co asesoramento do grupo de investigación Valle-Inclán.

 

Dixitalización do fondo epistolar de Camilo José Cela

Por outra banda, o goberno galego, a través da Consellería de Cultura, Educación, e Ordenación Universitaria e o Consello da Cultura Galega (CCG), van colaborar na dixitalización e difusión da correspondencia de Camilo José Cela con autores galegos contemporáneos seus, depositada na Fundación Pública Galega Camilo José Cela.

O conselleiro Román Rodríguez e mailo presidente do CCG, Ramón Villares, asinaron un protocolo de colaboración para levar a cabo a dixitalización do epistolario relacionado cos grandes autores e intelectuais de Galicia e que abrangue a correspondencia que mantivo o escritor padronés con Ramón Otero Pedrayo, Celso Emilio Ferreiro, Isaac Díaz Pardo, Xosé Neira Vilas, Uxío Novoneyra, Ben-Cho-Shey e moitos outros.

O epistolario completo de Camilo José Cela é un conxunto documental de gran valor histórico tanto pola importancia dos destinatarios coma polo seu volume xa que está composto por 95.000 cartas cruzadas con 13.000 personalidades distintas.

Segundo Román Rodríguez, trátase dun conxunto único xa que inclúe tanto as cartas recibidas por Cela como copias das que el mesmo enviaba. Unha vez dixitalizado e organizado, este epistolario estará a disposición dos investigadores e dos expertos interesados en afondar na figura do Nobel e na cultura galega da posguerra e se porá á disposición do público xeral a través dun arquivo institucional aberto, accesible de maneira libre a gratuíta a través de internet.

O conselleiro agradeceulle ao Consello da Cultura Galega a súa implicación na recuperación e preservación de fondos documentais de diferentes fontes de personalidades da cultura galega conservados en distintos centros documentas. No caso da dixitalización da correspondencia de Cela, unha vez efectuada, converterase nun acervo de fontes á disposición da comunidade investigadora, dos expertos na temática e do conxunto dos cidadáns.

A Fundación Pública Galega Camilo José Cela -de titularidade da Xunta de Galicia- é a encargada de custodiar e conservar o legado do Nobel de Literatura, un rico patrimonio constituído por fondos documentais, arquivos fotográficos, biblioteca, pinacoteca, manuscritos e colección epistolar entre outros.