Print this page

Os escritores e escritoras recoñecen o bo facer dos seus compañeiros

Rate this item
(0 votes)

O pasado sábado, no hotel Porta do Camiño de Santiago de Compostela, tivo lugar a Cea das Letras, a gran festa onde os escritores e escritoras galegas avalían o que foi o panorama literario do ano anterior e onde se entregan os premios que recoñecen o labor dos nosos escritores e escritoras.

Dende hai xa unhas semanas coñecíamos os nomes dos finalistas das diferentes categorías. O sábado entregáronse os galardóns ás obras premiadas:

Literatura Infanto-Xuvenil: Fantasmas de luz (Xerais), de Agustín Fernández Paz.

Mellor traxectoria de Xornalismo Cultural en 2011: Bieito Iglesias.

Mellor Blog Literario: As crebasMiro Villar.

Tradución: Sonetos de Shakespeare (Xerais), de Ramón Gutiérrez Yzquierdo.

Narrativa: Laura no deserto (Galaxia) de Antón Riveiro Coello.

Teatro: Chegamos despois a unha terra gris (Xerais) de Raúl Dans.

Ensaio: Vivir, unha aventura irrepetíbel. Biografía de Mª do Carme Kruckenberg (Galaxia) de Mercedes Queixas Zas.

Poesía: Leopardo son (Espiral Maior) de Pilar Pallarés.


Rematado o fallo dos Premios AELG nas diferentes categorías literarias, procedeuse á entrega dos Premios outorgados pola Asemblea Xeral de Socios e Socias da Asociación de Escritores:

Por unha banda acordouse outorgar o premio para Institucións que se caracterizan polo seu contributo á divulgación da literatura galega en diferentes ámbitos sociais, contribuíndo así á necesaria normalización lingüística. Nesta edición o galardón vai para o labor colectivo desenvolvido por tantas persoas que dende hai décadas, no ámbito da administración e da educación, contribuíron firmemente para a incorporación, fixación e acrecentamento de usos normalizados da lingua e, polo tanto, da literatura galega. Este labor comunitario quere ser recoñecido e singularizado pola AELG, nomeadamente, nos equipos humanos e profesionais que constitúen os Equipos de normalización lingüística dos centros de ensino e mais os Servizos de normalización dos concellos, colectivos responsábeis do desenvolvemento da lingua galega nos seus ámbitos de actuación. A magnitude do seu traballo e a implicación de tantas persoas boas e xenerosas non permiten o recoñecemento individual merecido para todas elas, polo que se acordou que recollera simbolicamente este premio Agustín Fernández Paz, unha persoa que dedicou unha parte moi importante da súa vida a traballar para avanzar no lento progreso normalizador, precisamente nestes dous ámbitos -o escolar e o administrativo- desde o marco teórico até a práctica didáctica, desde a palabra até a actuación e praxe máis coherente.

Finalmente, a Asemblea Xeral de Socios e Socias decidiu outorgar o Premio Internacional da AELG “ESCRITOR GALEGO UNIVERSAL”, ao escritor nx0woé Luís Sampedro. Concédeselle este máximo galardón da AELG a nx0woe Luís Sampedro para significar o alto contido ético e estético da súa obra e personalidade, que o converten nun referente na defensa da dignidade humana. Ante a imposibilidade de desprazarse a Galicia por razóns médicas, o presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, deu lectura a unha carta de Sampedro, na que indicou que “a vida négame o encontro en Galicia co máis feliz motivo”, “un premio de gran significado para min: galego era o meu avó paterno, que faleceu en Betanzos; de Galicia me falaba miña avoa cando neno; únenme recordos persoais con motivo dunha estadía en Ortigueira [na Universidade Popular]. Recordo así mesmo a Asociación Cultural Lóstrego en Madrid e amigos como Xosé Manuel Beiras –dos poucos que comprenderon os meus esforzos pola estructura (económica)-; e máis recentemente úneme a Galicia o meu afecto e admiración por Carlos Taibo e Manolo Rivas”. “Este premio sitúame en compañía de Gamoneda e outras nobres figuras [Mahmoud Darwish, Pepetela, Nancy Morejón, Elena Poniatowska e Juan Gelman] que poñen de manifesto os criterios selectivos da AELG, en arte e ética, co que se subliña aínda máis esta honra.”