Print this page

Os escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso gañan o XXXI Premio Torrente Ballester

Rate this item
(0 votes)
Álex Alonso e Antón Riveiro Álex Alonso e Antón Riveiro

Os escritores Antón Riveiro Coello e Álex Alonso gañan ex aequo o XXXI Premio Torrente Ballester que convoca a Deputación da Coruña.

O escritor Luís Valle, a investigadora e crítica Chus Nogueira, o escritor e editor, Manuel Bragado, a profesora Pilar Ponte e o gañador da anterior edición do premio, Xavier López, co deputado de Cultura, Xurxo Couto como presidente e a xefa de Servizo de Cultura, Mercedes Fernández Albalat, como secretaria, formaron parte do xurado que decidiu conceder conxuntamente premio desta edición ás obras tituladas As liñas do paraíso e Crónica denigrante que, unha vez abertas as plicas, resultaron ser da autoría dos escritores Antón Riveiro Coello e Alex Alonso. Ademais da cantidade económica estipulada nas bases do premio, que repartirán os dous autores, publicaranse as dúas obras gañadoras.

O xurado destaca que os dous libros están apegados á realidade social, nun caso como reflexo do acontecido hai vinte anos e noutro á máis urxente actualidade. No caso de As liñas do paraíso, de Riveiro Coello, o xurado considera que se trata dun texto "no que se reflicte a actualidade na forma en que reconstrúen as viaxes e a vida das persoas refuxiadas en dous escenarios: Siria e Europa, reflectindo moi ben a súa dramática situación". O fallo fai constar tamén que a obra "conecta coa realidade multicultural de Europa cunha historia na que resalta a personaxe infantil de Karim que ten moita forza ao presentar un drama humano que atinxe a todos"

Por outra parte, Crónica denigrante trata, de Álex Alonso, segundo o xurado, dun "texto no que existe un gran esforzo de documentación, moi traballado; é unha novela de non ficción cunha reconstrución moi lograda do crime que aconteceu en Nigrán, de xeito que pode considerarse unha crónica sentimental, case documental, dos anos noventa en Galiza".

O Premio de narrativa Torrente Ballester foi instituído en 1989 pola Deputación da Coruña. Aberto en principio a obras escritas tanto en galego como en castelán, dende 2016 creáronse dúas modalidades, en galego e en castelán. Se na primeira etapa do premio acadaran o Torrente Ballester autores como Víctor F. Freixanes, Manuel Rivas, Xosé Carlos Caneiro ou Carlos Reigosa, nesta segunda atopamos nomes como os de Eli Ríos, Antonio Piñeiro ou Xabier López López.