Print this page

Oriana Méndez, gañadora da XVIII edición do Premio de Poesía Afundación

Rate this item
(0 votes)
Oriana Méndez Oriana Méndez Foto: Galipedia

A escritora Oriana Méndez gaña, con Interna, a XVIII edición do Premio de Poesía Afundación, que AFundación convoca xunto ao Centro PEN de Galicia e co patrocinio do goberno de Galicia. A esta edición presentáronse un total de 27 obras inéditas.

Para o xurado do certame, composto polas escritoras Marica Campo e Eulalia Agrelo Costas, e o xornalista César Lorenzo Gil; Xabier Castro Martínez, escritor e secretario do xurado; e Luís González Tosar, presidente do Centro PEN de Galicia e presidente do xurado, a obra gañadora “caracterízase por unha voz feminina que mantén un ritmo sostido a través de versos depurados e conmovedores cheos de autenticidade e reveladores dos espazos máis privados do eu. Afloran, con precisión léxica, vivencias esenciais e significativas que se manteñen coma unha memoria vivida en diálogo permanente con outras voces e referentes”. Así mesmo, remarcan "a eufonía duns versos que incitan a unha lectura en voz alta enunciados cun gran dominio dos recusos da oralidade." 

Oriana Méndez é licenciada en Filoloxía Galega pola Universidade de Santiago de Compostela. O seu labor poético comezou no ano 2000 na revista cultural A Caramuxa, de Noia. A esa intervención seguiranlle colaboracións en publicacións colectivas de grupos como Burla Negra, e na revista Mealibra, así como en numerosos recitais poéticos, encontros e proxectos de acción poética, como A revolta das letras. No ano 2003 colaborou na elaboración do libro Xuro que nunca volverei pasar fame publicado por Redes Escarlata. En 2014 gaña o Premio de poesía Concello de Carral co poemario O que precede a caída é branco (Espiral Maior) e en 2019 o premio do quinto certame de poesía Rosalía de Castro de Padrón coa súa obra O corazón pronúnciase extenso. É tamén autora dos poemarios Derradeiras conversas co Capitán Kraft (Galaxia) e Cero (Galaxia), ademáis de colaborar tamén en diversas obras colectvas. 

O Premio de Poesía Afundación comezou o seu percorrido no ano 2002 a instancias Centro PEN Galicia e de Afundación. No seu elenco de gañadores figuran poetas galegos como Xavier Seoane, María do Cebreiro, Román Raña, Arcadio López Casanova, Marilar Aleixandre, Carlos Penelas, Luís Valle, Emma Pedreira, Xavier Rodríguez Baixeras, X. Daniel Costas, Yolanda Castaño, Elías Portela, Miguel Anxo Fernán Vello, Olalla Cociña, Estíbaliz Espinosa ou Miguel Sande, gañador da anterior convocatoria.