Print this page

Obras gañadoras da V Gala do Libro Galego

Rate this item
(0 votes)

Este ano, por mor da Covid19, a V Gala do Libro Galego viuse na obriga de ser adiada ao outono. Porén, a Gala, que tiña que se celebrar no día de onte, mantivo as deliberacións do xurado e deu a coñecer os libros gañadores na mesma data. Os premios de honra que anualmente se conceden tamén na Gala do Libro Galego adiáronse ata a celebración deste acto.

A Gala está organizada pola Asociación Galega de Editoras (AGE), Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), e a Federación de Librarías de Galicia (FLG) e conta coa axuda de CEDRO (Centro Español de Derechos Reprográficos), Xunta de Galicia, Deputación da Coruña e o Concello de Santiago.

O xurado desta quinta edición estivo formado pola xornalista e poeta Ana Romaní, a profesora Anxos Rial, o escritor Antón Riveiro Coello, a poeta Estíbaliz Espinosa, o editor e profesor Manuel Bragado, a tradutora María Alonso Seisdedos e crítico literario e escritor Ramón Nicolás. O xurado celebrou unha reunión telemática para debater sobre as propostas finalistas nas quince categorías e que corresponden con obra publicada durante o ano 2019.

Gañadoras e gañadores da Gala do Libro Galego:

Ensaio e investigación. Dentro da literatura (Xerais), de Suso de Toro.

Divulgación. A que cheiran as cores? A esperada guía para coñecer o cerebro (Galaxia), de Juan Casto Rivadulla Fernández.

Narrativa. Seique (Através), de Susana Sanches Arins.

Infantil. A tartaruga Amodovou (Oqueleo)de Paula Carballeira.

Xuvenil. Os corpos invisibles (Xerais) de Emma Pedreira.

Libro ilustrado. Irmá paxaro (Cuarto de Inverno), de Tamara Andrés e ilustracións de María Montes.

Libro de banda deseñada. A chaira (Alita), de Antonio Seijas.

Iniciativa bibliográfica. Castelao. Construtor da nación. Tomo I. 1886-1930 (Galaxia), de Miguel Anxo Seixas Seoane.

Tradución. Frankenstein ou o Prometeo moderno (Aira), de Mary Shelley e tradución de Samuel Solleiro.

Poesía. Feliz Idade (Kalandraka) de Olga Novo.

Teatro. Citizen (Kalandraka), do Grupo Chévere.

Libro mellor editado. Fosforescencias (Alvarellos), de Lupe Gómez e ilustracións de Anxo Pastor.

Iniciativa cultural ou fomento da lectura. Libraría Chan da Pólvora.

Proxecto literario na rede. Kalandraka TV

Xornalismo cultural. María Yáñez.