Print this page

O Xiro de Noelia Gómez Calvo gaña o V premio de poesía Gonzalo López Abente

Rate this item
(0 votes)

Reunido o xurado do V Premio de Poesía Gonzalo López Abente composto polas poetas Eli Ríos, Emma Pedreira e Xesús M. Sambade Soneira, Secretario da Fundación Gonzalo López Abente, con voz e voto, decide por unanimidade conceder o Premio de Poesía Gonzalo López Abente ao poemario O Xiro, co lema Buxaina. Unha vez aberta a plica, a persoa que lle corresponde é Noelia Gómez Calvo.

O xurado quere destacar a enorme complexidade na escolla da obra gañadora debida á alta participación que consolida o Premio López Abente de Poesía como un referente no ámbito cultural de Galicia. Tanto en calidade como en cantidade, os libros de poemas presentados ao certame asentan un futuro vizoso para as nosas letras. Poeta ata o de agora inédita, Noelia Gómez, verá publicado o seu primeiro libro de poemas, axunta ao espírito deste certame: dar voz ás novas xeracións poéticas así como descubrir escritas que impliquen renovación e convivencia.

Por unanimidade, as persoas que conformaron o xurado do premio salientan a coherencia textual desde o mesmo título e pseudónimo que xa nos remiten a un movemento de traslación e rotación. Neste xiro a xinealoxía guíanos desde a formación e o coñecemento das mulleres que nos precederon (nais, avoas, Xohana Torres, Eva Veiga,...) ata o universo do presente, e do futuro, para encaixar as pezas e construír, desde a escrita, o medio que nos permita comprender o paso do tempo- e as súas perdas-creando unha nova vía na que consigamos renacer.

Segundo a acta do xurado, en O Xiro vemos que “os versos, espidos de calquera requinte estético, acubillan os silencios. Estes espazos nos que predomina a ausencia de barullo están medidos ata a perfección para que a persoa lectora mergulle directamente no texto, para que os faga de seu”. Desta forma, quen lea, queira ou non queira, verase atrapada nese convite que nos fai a autora para participar no movemento xiratorio e no xogo textual.