Print this page

O venres arranca a XXVIII Feira do Libro de Ourense

Rate this item
(0 votes)

Esta mañá tivo lugar a presentación da XXVIII edición da Feira do Libro de Ourense, na sede da Confederación de Empresarios.

A Alameda da cidade será, entre o venres 1 e o mércores 6 de xuño, o emprazamento para esta xuntanza coa mellor literatura e máis os volumes de divulgación. O seu horario será de 11.30 h. a 14.00 h. polas mañás; e seráns de 18.30 h. a 22.00 h. O pregón desta edición correrá a cargo do escritor Xavier Puente DoCampo.

Ao longo dos días de feira presentarán as súas obras autores como Bieito Iglesias, Manuel Outeiriño, Xavier Rodríguez Barrio ou Miguel Anxo Fernández, entre outros moitos.

A Feira contará cos postos de Editorial Galaxia, Gran Enciclopedia Galega, Libraría A Nova (Ourense), Libraría Padre Feijóo (Ourense), Libraría Platero (Ourense), Libraría Nobel Internacional (Ourense), Libraría Sindicato del Cómic (Ourense), Libraría La Viuda (Ourense), Libraría Zampacontos (Ourense), Libraría Cartabón (Vigo), Libraría La Región (Ourense), Librería Lector Nobel (Burela), e máis a Biblioteca da Deputación Provincial. Os sorteos diarios de libros e o 10% de desconto nas adquisicións son un atractivo engadido para o evento.

A Federación de Libreiros de Galicia, co patrocinio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, organiza a xeira de feiras do libro. Colaboran o Concello de Ourense, Deputación Provincial de Ourense, Cámara de Comercio de Ourense, Federación de Comercio de Ourense, Confederación de Empresarios de Ourense, Editorial S.M. e Editorial Everest.

Ourense é a cuarta etapa, despois das de Ferrol, Santiago e Lugo; tras ela chegarán as citas de Vigo, entre o 1 e o 8 de xullo; A Coruña, do 1 ao 10 de agosto; e Viveiro, entre o 13 e o 16 de agosto.