Print this page

O trimestre invernal de Poetas Di(n)versos conectará o Cono Sur e Luxemburgo con Galicia

Rate this item
(2 votes)

Mañá luns comeza o trimestre invernal do ciclo Poetas Di(n)versos, o programa que conecta na Coruña a poesía galega coa do resto do mundo. Está organizado polo concello da Coruña e coordinado pola poeta Yolanda Castaño.

Entre xaneiro e marzo, o centro Ágora da Coruña recibirá a poetas do Cono Sur, que se mesturarán con voces galegas e do primeiro autor luxemburgués nestes once anos de lecturas poéticas públicas. A nova entrega comezará este luns precisamente con Jean Portante. Trátase dun autor moi recoñecido no mundo francófono tras 40 volumes publicados de diversos xéneros e traducido a moitas linguas. Polo conxunto da súa obra, gañou o Premio Petrarca en París, o Gran Premio da Sociedade de Escritores e o Premio Nacional de Luxemburgo.

Ao seu carón, interpretará as súas composicións o lugués Luís Valle, un escritor en absoluto ascenso que se vén consolidando como un dos mellor considerados dos últimos anos tras obter galardóns como o Lueiro Rey, o Eusebio Lorenzo Baleirón ou o da Afundación. Autor doutros trinta títulos de distinta natureza, desenvólvese na xestión cultural e a comunicación e acaba de presentar o libro Óstraka (Galaxia).

O 10 de febreiro, un dos poetas máis consagrados do mundo hispánico, o arxentino Hugo Mújica, darase a man cunha poeta combarresa que está a vivir o seu mellor momento: Tamara Andrés, autora dos recentes poemarios Irmá paxaro (Cuarto de Inverno) e Bosque vermello (Positivas).

En marzo, o recital poético do luns 16 revestirá ecos experimentais e de vangarda ao convidar o uruguaio Rafael Courtoisie e o ourensán radicado na Coruña, Claudio Pato. Se o segundo dirixiu a Galería Sargadelos da rúa Real coruñesa, o académico é Premio Loewe e Premio Casa de las Américas, e publicou hai poucos meses El libro de la desobediencia.