Print this page

O tempo de Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela, recollido nunha mostra en Fonseca

Rate this item
(0 votes)

Producida pola Universidade de Santiago de Compostela e o Ateneo de Santiago en colaboración co Concello compostelán e a Deputación da Coruña, o Colexio de Fonseca albergará ata o día 30 de novembro a mostra Camilo Díaz Baliño e Isaac Díaz Pardo en Compostela. Con Galiza sempre no horizonte. A inauguración da mesma tivo lugar o pasado martes ás 20.00 h. 

A exposición, e o catálogo que a acompaña, dá conta dos 16 anos –entre 1920 e 1936- que pai e fillo compartiron en Compostela. Quen se achegue ás salas de Fonseca poderá coñecer a obra de Camilo e Isaac máis vinculada á cidade, ademais do percorrido artístico e vital destes dous persoeiros a quen lles tocou vivir unha época histórica convulsa que marcaría toda a súa vida. 

Comisariada por Xosé Ramón Fandiño Veiga e Gloria López López, a mostra Con Galiza sempre no horizonte repasa, con información gráfica e documental, a actividade vital e artística dos 16 anos que pai e fillo viviron en Santiago (1920-1936): a casa da Tumbona, escenografía, deseño gráfico e editorial, eventos artísticos do Concello, carteis do Estatuto de Autonomía e, como testemuño da barbarie da Guerra Civil, os retratos que Camilo lle fixo aos seus compañeiros de prisión na Falcona compostelá.

A segunda parte, que ocupa a antiga capela do Colexio, está adicada exclusivamente a ofrecer unha visión da actividade artística, industrial e cultural de Isaac Díaz Pardo dende que se viu obrigado a abandonar a súa cidade natal.

A mostra poderá visitarse en horario de luns a sábado de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.30 horas.