O escritor Antonio Piñeiro vén de gañar o Premio Torrente Ballester en galego, convocado pola Deputación da Coruña, coa novela A través do fume. O xurado destacou a "habilitade narrativa" da obra elixida para a segunda edición da convocatoria na modalidade só de galego.
Un xurado composto por Antón Riveiro Coello, Montse Dopico, María Reimóndez, Armando Requeixo e a gañadora da edición anterior, Eli Ríos, presidido pola vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei e coa xefa de servizo, Mercedes Fernández Albalat como secretaria decidiu conceder o Premio Torrente Ballester á obra A través do fume que, unha vez aberta a plica, resultou ser da autoría do escritor Antonio Piñeiro.
O xurado valorou que a novela de Antonio Piñeiro é un "relato cunha grande habilidade narrativa que arrisca e funciona como mecano en que a persoa lectora ten que implicarse para construír o quebracabezas até a última páxina".
Destaca tamén na explicación da escolla da obra, que se produciu por unanimidade, o seu "enfoque calidoscópico que recrea maxistralmente a memoria a través do tratamento exquisito da lingua e os obxectos simbólicos do cotián como os selos ou as cartas".
"Esta prosa poética destaca polo xeito innovador e dinámico en que conviven o presente e o pasado", engade o xurado despois da deliberación en que escolleron a novela de Piñeiro sobre as 12 finalistas das 59 obras presentadas.
Antonio Piñeiro é escritor, editor e profesor de Historia no ensino público e, entre outros premios, gañou o "O Penedo" do Centro Galego de Barcelona, o de poesía "Vila de Rianxo", o Premio Avilés de Taramancos de relato de aventuras, o XXIII Premio de Novela "García Barros" da Estrada, o Premio de narrativa Manuel Murguía do Concello de Arteixo, o Premio Lueiro Rey de Novela Curta do Concello do Grove ou o Certame literario de Piñor de narracións breves.
Antonio Piñeiro con A través do fume faise así coa segunda edición do Premio Torrente Ballester na súa modalidade de lingua galega. Despois de vinte e oito edicións, o pasado ano a área de Cultura da Deputación da Coruña crease por vez primeira a convocatoria só para lingua galega que recaeu naquela primeira edición na novela Luns de Eli Ríos. Piñeiro, ademais da cantidade económica establecida nas bases do concurso (o maior do país) verá publicada nos vindeiros meses a súa novela gañadora.