A Asociación Neira Costa da Morte, entidade supramunicipal que engloba varios municipios do noroeste galego, entrega dende o ano 2004 os seus premio coñecidos como Faros Neiros, outorgados a persoas e empresas que fomenten o emprego, o desenvolvemento cultural e social dos veciños da Costa da Morte.
Este ano un deses premios recaeu no poeta ceense Miro Villar, investigador e poeta de recoñecida traxectoria. Miro fai pública a súa desavenencia co dito premio e rexeita o galardón. Expoñemos de seguido a carta remitida por Miro Villar ao secretario da Asociación Neria:
Sr. D. Xan García Pouso, Secretario da Asociación NERIA Costa da Morte
Benquerido amigo:
Antes de máis, desexo que lle transmitas o meu agradecemento a todos os compoñentes do xurado que me concedeu a distinción do Faro Nerio, coa que a Asociación Neria quere recoñecer traxectorias persoais ou empresariais que teñen como norte a defensa e a promoción da Costa da Morte. Supoño que nesa decisión influíu o feito de que a miña obra, tanto de creación como de estudos e de investigación literaria, estea inzada de aspectos relacionados coa nosa comarca e desta querencia polo noso territorio tamén foi testemuña o público que puido escoitarme en recitais, conferencias ou palestras celebradas en moitos lugares da xeografía galega, mais tamén nas Universidades Autónoma de Madrid, Autónoma de Barcelona, Coimbra e Lisboa (Portugal), Cork (Irlanda), La Sapienza de Roma (Italia) ou La Valleta (Malta), ou nos centros galegos de Madrid, Barcelona, Xenebra e Basilea.
Porén, quero comunicarche a miña decisión irrevogable de rexeitar esta distinción do Faro Nerio, por mor dos últimos acontecementos que afectaron á vida pública na Costa da Morte. Esta meditada decisión, que poño en coñecemento dos medios de comunicación, é bastante dolorosa porque o presidente da vosa entidade foi compañeiro meu de andaina escolar e teño unha inmensa estima e unha alta valoración do seu labor no mundo da medicina e na investigación científica.
A miña concepción persoal alicérzase na ética que debe ter a política como servizo público, pois a palabra grega “polítikos” fala do ordenamento da cidade e da cidadanía. Por esta razón nunca se pode admitir a invocación da “presunción de inocencia” para defender a responsables públicos que ocultan información e carecen de transparencia no seu comportamento e na súa acción de goberno. A responsabilidade política ten que pasar necesariamente pola demisión perante tan graves imputacións que corrompen o funcionamento das Administraciones Públicas. Por desgraza, isto sucede poucas veces e son moitos os que non asumen responsabilidades provocando o desafecto da cidadanía cara á política, cando tamén hai outros moitos políticos que poden presumir de franqueza e honestidade.
Velaí pois os argumentos que me levan ao rexeitamento do Faro Nerio e mesmo quixera facer a proposta de que na próxima convocatoria sexa premiado o maxistrado muradán Andrés Lago Louro polo seu infatigable labor de loita contra a corrupción nas institucións e a favor da transparencia democrática.
En definitiva, amigo Xan García Pouso, espero que saibas/saibades comprender a miña decisión e estou ben certo de que nos habemos atopar moitas outras veces nese labor de defensa e da promoción da nosa Costa da Morte.
Miro Villar