Print this page

O poeta Manuel Vilanova falece aos 75 anos

Rate this item
(0 votes)
Manuel Vilanova Manuel Vilanova Foto: Un ollo de vidro - AELG

O poeta punxinés Manuel Vilanova faleceu este martes 5 de marzo en Vigo aos 75 anos de idade.

Manuel Vilanova estudou Filoloxía Románica na Universidade de Santiago de Compostela e doutorouse na Universidade Complutense de Madrid cunha tese sobre a poesía de Luís Cernuda. En Vigo foi catedrático de ensino medio de Lingua e Literatura española.

Como poeta está considerado como un dos que marcou o paso da literatura socialrealista á preocupación máis esteticista dos anos oitenta xunto con Xosé Luís Méndez Ferrín e Arcadio López-Casanova. Para Ramiro Fonte Manuel Vilanova é o introdutor da poesía artellada sobre a intertextualidade. O primeiro poemario publicado en galego foi E direi-vos eu do mister das cobras (La Región) en 1980. Segundo César Antonio Molina "é unha especie de grande happening da poesía galega deste século, un suceso lúdico no cal Vilanova descolga os fantasmas ancestrais e sácaos a pasear polas rúas deste fin de milenio". O libro parte da transgresión temporal e espacial, facendo simultáneos nos seus poemas feitos que na vida real non o son.

En 1985 sae do prelo un novo libro de poemas en galego co título de A lenda das árbores de prata (Edicións Nós) que recibe o Premio da Crítica Galega. O seu cancioneiro A esmeralda branca (Follas Novas), publicado en 2006, recibiu o premio da crítica española na modalidade de poesía en galego.

O derradeiro libro que publicou en vida é A substancia das horas, editado por Ir Indo no 2017.