Print this page

O ourensán Afonso Vázquez-Monxardín, novo académico correspondente da RAG

Rate this item
(0 votes)
Afonso Vázquez-Monxardín Afonso Vázquez-Monxardín Foto: Wikipedia

O ourensán Afonso Vázquez-Monxardín acaba de ser nomeado académico correspondente da Real Academia Galega. O pleno da institución, na sesión celebrada o pasado venres, votou favorablemente a proposta de incorporación do catedrático de Lingua e literatura galegas, autor de destacadas investigacións de fondos documentais relacionados con persoeiros da cultura galega -nomeadamente das gravacións de intelectuais como Otero Pedrayo- e activista cultural de referencia na súa cidade natal.

O novo académico correspondente é licenciado en Xeografía e Historia e desde 1983 é docente de Lingua e literatura galegas, profesión que exerce como catedrático no IES As Lagoas de Ourense.

Tras participar a finais dos anos 70 na comisión cidadá que gravou entrevistas para a radio a Celso Emilio Ferreiro, Blanco Amor ou Xaquín Lorenzo, foi en 1991 un dos impulsores do proxecto Arquivo Sonoro de Galicia no seo do Consello da Cultura Galega, concibido para rescatar a memoria sonora de distintas sociedades da Galicia territorial e emigrante e integrala con outros exemplos da memoria sonora culta e popular nunha fonoteca pública. Foi ademais o organizador da primeira campaña de microfilmación de prensa e rescate de publicacións no Centro Galego de Buenos Aires para o Arquivo da Emigración.

A tradución é outro dos campos que ten cultivado o profesor. En 1985 participou na creación da Asociación Galega de Tradutores. En 1979 comezou as súas colaboracións en prensa, en La Región, onde publicou unha serie de 70 artigos sobre a evolución da toponimia urbana de Ourense. Polo seu labor como articulista mereceu o Premio de Xornalismo Literario Carlos Casares (2017) e o Premio Aurelio Carracedo de Xornalismo (2009). Como creador literario tamén colleitou o Premio Ourense de Contos para a Mocidade (1987) e foi finalista no Premio de Narraciones Breves Antonio Machado (1989).

Roteiros literarios, guías didácticas de escritores ou guións de vídeos son outras das achegas realizadas por Afonso Vázquez-Monxardín en relación coa realidade cultural ourensá e do conxunto de Galicia. Desde hai un ano é secretario da Fundación Otero Pedrayo, onde organizou recentemente a terceira edición do Abril Oteriano.