Print this page

O Museo de Pontevedra compra o orixinal do Álbum Nós para reunir a principal obra de Castelao na capital do Lérez

Rate this item
(0 votes)
O Museo de Pontevedra compra o orixinal do Álbum Nós para reunir a principal obra de Castelao na capital do Lérez Foto: Deputación de Pontevedra

O Museo de Pontevedra vai formalizar nos vindeiros días a compra dos orixinais do ‘Álbum Nós' de Castelao, unha obra capital e emblemática do autor rianxeiro tanto artística como ideoloxicamente. Así o anunciaron este pasado venres a presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, e o director do Museo Xosé Manuel Rey.

As 49 láminas, o autorretrato de Castelao e o exlibris que finaliza o álbum pasarán a formar parte dos fondos da institución provincial en propiedade logo de dispoñer delas en depósito os últimos cinco anos, dende 2016 co gallo da exposición ‘Meu Pontevedra', estando expostas actualmente nun espazo específico no Sexto Edificio.

O vicepresidente subliñou que a compra ten unha grande trascendencia porque "son o conxunto de pezas máis importante de Castelao" e permiten completar a colección provincial, que conta con arredor de 2.000 elementos do autor. "O máis relevante da obra de Castelao está no Museo de Pontevedra. Pontevedra, Castelao e o Museo de Pontevedra non se entenden un sen o outro", subliñou.

O vicepresidente explicou que os trámites para a adquisición están case pechados. Destacou que mañá se aprobará a compra en Xunta de Goberno, xa hai consignación orxamentaria e está asinado un precontrato coa familia propietaria.

"O Álbum estivo moitos anos desaparecido. Había moitas teorías e no 2016 apareceu. Os propietarios deixárono en depósito, pero querían rematar coa cesión actual e tiñan a vontade de que a obra seguira no Museo de Pontevedra para respectar a vontade de Castelao", explicou Mosquera.

Así mesmo, o responsable político do Museo explicou que a transacción comunicouse formalmente á Xunta, xa que por Lei de Patrimonio Cultural tiña dereito de tanteo e retracto ao ser un ben de interese cultural. Recentemente o Goberno galego comunicou que non faría uso dese dereito en favor do Museo. "Hoxe é un día grande para o Museo con todas as letras", finalizou Mosquera.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, subliñou pola súa banda a relevancia da adquisición destes fondos para o Museo de Pontevedra e o feito de que vaian permanecer onde Castelao quería

O director do Museo Xosé Manuel Rey destacou que o ‘Álbum Nós' supón un capital simbólico para os fondos da institución. Afirmou que nas súas láminas plásmase a psicoloxía e o paradigma do rural galego cun imaxinario reivindicativo e de grande forza. "É unha obra capital e emblemática que Castelao fixo nun momento crucial da súa evolución artística e ideolóxica, promovendo a defensa de Galiza e buscando espertar a conciencia colectiva. Ten un irrenunciable valor artístico, histórico, social, político… e unha significación cultural e identitaria", subliñou.

Rey indicou que a presenza do Álbum Nós no Museo é fundamental, porque permite dispoñer dos principais conxuntos creativos do artista e "dialogar e complementar" o Álbum de guerra que fixo 15 anos despois, xa sendo líder do galeguismo e da defensa da legalidade republicana que o levou ao exilio.

O valor do álbum, dixo Rey, "axigántase co paso do tempo ao tratarse dun conxunto completo dunha obra completa e excepcional. Existía risco evidente de que galeristas, coleccionistas ou mesmo outras institucións puidesen amosar interese na súa adquisición, o que suporía unha perda moi importate para o Museo". Por iso, finalizou, a incorporación aos fondos do Museo é unha nova "extraordinaria": "unha oportunidade de reforzar a vinculación da figura do Castelao construtor da nación co Museo e de consolidar o papel desta institución á hora de configurar un relato lúcido sobre a guerra, a represión e o exilio que axuden a entendernos como país".