Print this page

O Museo de Pontevedra acollerá os orixinais do álbum Nós de Castelao

Rate this item
(1 Vote)

Onte pechouse ao público no Museo de Pontevedra a sala dedicada á obra de Castelao. Este peche temporal débese ao inicio das obras precisas para reformular o espazo e a distribución da obra e dar cabida aos 50 orixinais do álbum Nós de Castelao, que recentemente foran cedidos ao Museo por un período de 5 anos.

A exposición do álbum Nós de xeito permanente nas salas dedicadas a Castelao permitirá que o público se poida achegar a unha obra que permanecera oculta durante máis de oito décadas. Hai que lembrar que desde 1924 non se volveron ver expostas as estampas que conforman o álbum e que desde a década de 1930 se perdera a pista do seu paradoiro. Grazas ao traballo de investigación do equipo técnico do Museo de Pontevedra, os debuxos orixinais foran localizados nunha colección particular no mes de marzo de 2016 e foran expostos no marco da mostra 'Meu Pontevedra', que tivo lugar entre o 28 de xuño e 11 de setembro, e que conmemoraba o centenario da chegada de Castelao á cidade. Tras a cesión puntual das estampas para aquela exposición en concreto, o equipo do Museo negociou coa familia propietaria a cesión da obra por un período inicial de 5 anos.

Os orixinais do álbum Nós compartirán espazo co resto de material de Castelao conservado e exposto no Museo de Pontevedra, isto é, os albumes de guerra, os debuxos de negros, as cruces de pedra da Galiza e da Bretaña, os óleos e acuarelas de pequeno formato e a vitrina coas máscaras orixinais e a documentación relativa á obra teatral Os vellos non deben de namorarse, ademais doutras obras de gran formato.

Castelao realizou as estampas do álbum Nós entre os anos 1916 e 1918, que expuxo por primeira vez na Coruña en 1920. Posteriormente, entre os anos 1921 e 1924 sería exposto en Madrid, Ourense, Vilagarcía de Arousa, Monforte de Lemos, Ferrol, Pontevedra, Barcelona, Vigo e Santiago de Compostela. En 1931 editaríase en formato libro. A desaparición dos orixinais desde a década de 1930 foi unha constante fonte de pescudas e hipóteses que, finalmente, derivou no achado histórico por parte do equipo do Museo fai case dous anos.