Print this page

O Museo de Lugo acolle unha mostra retrospectiva do ilustrador ferrolán Siro López

Rate this item
(0 votes)

A Sala de Exposicións do Museo Provincial de Lugo acolleu este luns a inauguración da primeira gran retrospectiva do caricaturista ferrolán Siro. Baixo o titulo Siro. Retrospectiva, 1970-2017, a colección repasa a vida e obra deste polifacético artista a través de máis 50 de obras. Esta mostra estará no Museo ata o dia 5 de novembro.

Esta mostra é a primeira retrospectiva que se fai deste artista. Nela amósase unha ampla escolma da súa extensa obra, onde se pode coñecer todas as súas facetas artísticas dende debuxo, deseño (foi o autor do proxecto da praza do Humor da Coruña), pintura, caricatura, sen esquecer a súa actividade como escritor; un eido no que cultivou xéneros como a narrativa, o teatro e, sobre todo, o ensaio, campo no que destacan os seus traballos Castelao humorista e Cervantes e o Quixote. A invención do humorismo.

Siro López, nado en Ferrol en 1943, é un artista cunha actividade que abrangue a caricatura, a ilustración, a pintura e o deseño, ademais da súa faceta como escritor. De formación autodidacta (de cativo, pintar e debuxar era o que máis lle gustaba facer) dáse a coñecer, en 1970, na revista Chan, da man de Borobó. Neste mesmo ano, por iniciativa de Xaime López e apadriñado por Miguel González, fai a súa primeira exposición no antigo local de “Toxos e Froles” de Ferrol, mostra que tivo un enorme éxito.

Siro non se limitou á caricatura e ao humorismo gráfico, senón que, como bo artista que é, foi ampliando os seus horizontes artísticos para incluír a paisaxe e o retrato e, máis recentemente, o debuxo con Ipad. Ademais, xunto con Xaquín Marín impulsou un manifesto en defensa do humor, do que naceu a idea do que hoxe é o Museo do Humor de Fene.

Autor dunha extensa obra gráfica, destacan os seus álbums: Os pecados capitais18 espidos de muller; Xente na brétema; In saecula saecularem, amen; Probes homes, Debuxos de humor, Cofrades do Cristo da Autonomía, A Autonomía galega nas caricaturas de Siro, etc.