Print this page

O Museo da Cidade da Cultura acollerá un ciclo de diálogos ao redor de Castelao

Rate this item
(0 votes)

A Cidade da Cultura de Galicia súmase aos actos polo Día de Castelao  botando a andar o 30 de xaneiro o ciclo Diálogos ao redor de Castelao, un espazo de conversa, análise e reflexión sobre a época, a figura e a obra do escritor, pintor, político e intelectual galeguista, que contará coa participación de destacados especialistas en historia, arte, ilustración, política e movementos migratorios.

Estas xornadas, de balde con inscrición previa, inxírense dentro do programa de actividades para arroupar e dinamizar  a exposición Castelao maxistral, do Museo Centro Gaiás, na que se exhibe por vez primeira en Galicia o lenzo A derradeira leición do mestre, coñecida como o Guernica galego e onde Castelao recolle a brutalidade da represión franquista na Guerra Civil. Un cadro que xa foi visitado por máis de 25.000 persoas.

O ciclo arrancará o 30 de xaneiro coa participación de Carlos L Bernárdez, prestixioso historiador e crítico da arte, e seguiranlle os catro mércores seguintes o historiador e comisario de Castelao maxistral, Miguel Anxo Seixas; o humorista gráfico, xornalista e ensaísta Siro López; o ex Valedor do Pobo José Julio Fernández; e Pilar Cagiao, especialista en fenómenos migratorios e directora do Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas ‘Gumersindo Busto’, encargada de pór o alfinete a estas xornadas o 27 de febreiro.

Os Diálogos o redor de Castelao comezan con Carlos L. Bernárdez, quen abordará o peso da figura de Castelao na plástica galega. En concreto, centrarase no período da Guerra Civil. Pola súa banda, o 6 de febreiro, Miguel Anxo Seixas revelará polo miúdo como concibiu a mostra Castelao maxistral e achegaralles aos e ás participantes as últimas descubertas sobre o artista de Rianxo.

Ao seguinte mércores, día 13 de febreiro, será a quenda de José Julio Fernández afondará nos debuxos de Castelao, pero desde a óptica da capacidade comunicativa dos mesmos nunha opinión pública democrática. O recoñecido humorista gráfico, caricaturista e ensaísta Siro López participará o 20 de febreiro neste ciclo cunha intervención co suxestivo título Castelao, o humor galego en Europa. Débese destacar que o debuxante é todo un experto na figura do artista de Rianxo, xa que ten publicado Simplicissimus, Gulbransson e Castelao, onde desenvolve a influencia do humorista alemán Gulbransson sobre os traballos e caricaturas do intelectual galeguista; e Castelao na arte europea, na Real Academia Galega de Belas Artes.

A directora do Centro Inderdisciplinario de Estudos Americanistas ‘Gumersindo Busto’ Pilar Cagiao intervirá o mércores 27 de febreiro no que incidirá no exilio ao que se viu obrigado Castelao na Arxentina, e moitas e moitos dos seus coetáneos, xa que é especialista en movementos migratorios e as relacións culturais entre España e América. Precisamente, a súa tese doutoral ‘Participación económico social da inmigración galega en Montevideo, 1900-1970’, lida na Universidade Complutense de Madrid (1990) mereceu Premio Extraordinario.

Máis información: