Print this page

O mundo virtual acollerá a meirande parte das actividades polo Día das Letras Galegas

Rate this item
(1 Vote)

Múltiples actividades online para renderlle tributo a Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio. O impacto derivado da Covid-19 propicia que as ferramentas e materiais conmemorativos deseñados polo goberno de Galicia, en colaboración con numerosas empresas, entidades e institucións, gañen espazo en Internet e nas redes sociais.

Un bo feixe de actividades relacionadas con Carvalho Calero inundas a internet. Un exemplo é o Portal da Lingua Galega, que ofrece en aberto para a súa consulta e descarga de balde numerosos materiais aos que irá sumando outros durante os vindeiros días.

A AGAL, en colaboración con Políica Lingüística, impulsa o web Carvalho Calero 2020, no que se ofrece cumprida información sobre a biografía e obra do autor, así como a descarga da imaxe icónica orixinal, especialmente deseñada para a celebración deste Ano Carvalho Calero 2020.

O web carballocaleroenlugo.org, feito polo Colectivo Egeria en colaboración coa Consellería de Cultura e Turismo e do Colexio Fingoi, homenaxea e divulga a figura do autor e a súa estadía na Cidade da Muralla entre 1950 e 1965 coa exposición Don Ricardo de Fingoi, desde agora tamén en formato dixital para superar as barreiras impostas pola Covid-19 ata poder continuar a súa itinerancia por diferentes espazos expositivos de Galicia. Tamén o portal institucional da RAG ofrece unha entrega diaria da serie Unha palabra para don Ricardo, un conxunto de minipezas audiovisuais arredor da figura de Carvalho Calero a través desta canle e das redes da institución, coa colaboración do Executivo autonómico, e que tamén serán difundidas pola CRTVG.

E os festivais tamén toman as redes para festexar a lingua galega e homenaxear a Carvalho desde o exterior, como o coñecido Festival Internacional Kerouac Poesía e Performance, que organiza un encontro dixital a través da plataforma Zoom que será retransmitido por Facebook e YouTube Live o mesmo 17 de maio, ás 18.00 h.

Os centros educativos atopan un ano máis en lingua.gal os recursos elaborados polo profesorado dos Equipos de Dinamización da Lingua Galega, que, desta volta, permitirán traballar desde a casa a figura de Carvalho Calero en todos os niveis educativos preuniversitarios, sen esquecer o alumnado con necesidades específicas. Xa están dispoñibles as dúas mostras gañadoras do Concurso-Exposición Letras Galegas 2020, que ofrecen cadanseus 10 carteis explicativos da vida e da obra do autor acompañados de unidades didácticas.

Tamén o espazo universitario internacional LiberQuaré, Familias Mundi e a Fundación polo Desenvolvemento Humano e Social de Galicia (FUNDHESGA), co apoio de Política Lingüística, organizan o evento Cápsulas Solidarias Xa abriu o día. Letras Galegas no Ano Carvalho Calero.

Polo que se refire aos centros de estudos galegos (CEG), algunhas das actividades que tiñan programadas para celebrar as Letras Galegas 2020 serán adiadas ata outubro, nas mesmas datas elixidas pola RAG para a celebración da festa da lingua por excelencia neste ano marcado pola pandemia. Con todo, son varios os CEG que optaron por trasladar a celebración de maio a Internet programando videoconferencias sobre Carvalho Calero a través de distintas plataformas -como sucede en Zúrich ou Deusto-, exposicións virtuais acerca da súa vida e obra -no Algarve, Barcelona...- ou mesmo unha sala de escape en liña centrada na muller na literatura galega (Zadar). No Portal da Lingua Galega tamén se pode ler xa un número especial da revista de poesía en Madrid Olga, impulsada polo CEG da Universidade Complutense, dedicado a don Ricardo.

Deste xeito, debido ás restricións derivadas da Covid-19, boa parte das iniciativas previstas no marco da Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020 presentada no mes de febreiro adquiren dimensión virtual para celebrar o 17 de maio desde Internet. Con todo, moitas outras citas adíanse ata o mes de outubro, de acordo coa decisión da RAG de fixar os actos previstos para o 31 dese mes, o que propiciará que o ano 2020 conte, excepcionalmente, con dous meses nos que celebrar as Letras.