Print this page

O mellor da ilustración no III Festival da Arte da Ilustración “Allariz Debuxado”

Rate this item
(0 votes)

Os días 25 e 26 de xaneiro, Allariz acollerá a terceira edición do Festival da Arte da Ilustración “Allariz Debuxado”, organizado pola editorial alaricana Aira en colaboración co Concello de Allariz.

Allariz Debuxado é, segundo explica o seu organizador, César Lorenzo Gil, “un proxecto que axuda a fortalecer a imaxe de Allariz como vila de letras que mostra respecto polo patrimonio e a cultura”.

Esta iniciativa será desenvolvida conxuntamente pola editorial Aira, que traballa a prol do desenvolvemento cultural de Allariz, e as escolas de ilustración Antonio Faílde de Ourense e Pablo Picasso da Coruña.

Nesta terceira edición prevén a participación de máis de cen alumnos e alumnas das escolas galegas e algunha de Asturias, que se achegarán ata Allariz para completar a súa formación e aprender novas técnicas e escoitar a ilustradores de recoñecido prestixio no sector como Javier Olivares, relevante ilustrador español; Miguel Angel Giner e Cristina Durán, ilustradores e guionistas que presentarán, en Allariz, os seus dous grandes éxitos, “Tercer día” e “Una posibilidad”, dúas novelas gráficas que xiran ao redor da traxedia do metro de Valencia e dun proceso de adopción internacional, respectivamente.

En paralelo celebrarase ademais, no entorno do Allariz Debuxado, a Feira de Ilustración con máis de 20 expositores e a realización de 7 micropresentacións, como novidade desta edición e, segundo explica o organizador César Lorenzo “unha grande oportunidade para que os ilustradores presenten os seus produtos e deseños nun ambiente máis informal que o festival”.

Da clausura do festival encargaranse os editores de Kalandraka, unha editorial de máis de 20 anos de experiencia organizadora do Premio Compostela de Ilustración, e que ensinarán aos alumnos e alumnas como presentar os traballos ás editoriais. En relación a este premio a Galería circular acollerá durante a fin de semana unha exposición con traballos galardoados no Premio Compostela.

Para o Concello de Allariz, destacaba o tenente de alcalde, Bernardo Varela, “resulta interesante conxugar cultura e potencial e Allariz como espazo de referencia para este sector con empresas que apostan por localizarse na vila”.

 

Programa

Venres, 25 de xaneiro. Lugar: Fogar dos Maiores (Campo da Barreira, 3)

-- 12.00 h. Presentación do Festival a cargo de César Lorenzo Gil, director de AiraEditorial.
-- 12:15 h. Conferencia "Intermundos. Crónicas das miñas viaxes entre a historieta e a ilustración", por Javier Olivares.
-- 17.00 h. Conferencia "Guión e novela gráfica. Claves para contar unha historia", por Miguel Ángel Giner Bou.
-- 19.00 h. Conferencia "O cómic como ferramenta de transformación social", por Cristina Durán e Miguel Ángel Giner Bou.
-- 23.30 h. 'Branca & Tinta': Música e humor ao vivo no Roi Xordo.

Sábado, 26 de xaneiro. 

Lugar: BenComún Espazo (Praza Torre Lombarda, 1)

Feira da Creación (de 11.00 h. a 19.00 h.)

-- 12.00 h. Micropresentacións de proxectos artísticos
-- 13.00 h. Presentación do proxecto Nimales, por Miki Pluviam.

Fogar dos Maiores

-- 17:00h. Conferencia "A historia do Premio Compostela de Álbum Ilustrado', por Manuela Rodríguez e Xosé Ballesteros.

- - - - - -

Exposición na Galería Circular (Rúa Lobariñas, 9)

“Once anos do Premio Compostela”.

Horario de apertura da exposición:

- Venres 25 de 17.00 h. a 20.00 h.

- Sábado 26 de 11.30 h. a 14.30 h. e de 17.00 h. a 20.00 h.