Print this page

O lingüista Takekazu Asaka leva ao xaponés 'Os Eidos' de Novoneyra

Rate this item
(0 votes)
O lingüista Takekazu Asaka leva ao xaponés 'Os Eidos' de Novoneyra Foto: Política Lingüística

A lingua propia de Galicia reforza a súa proxección internacional, e faino desta volta a través de dúas novas publicacións en xaponés que chegan da man do lingüista Takekazu Asaka, profesor da Universidade de Tsudajuku considerado o embaixador do galego máis famoso do país nipón. Trátase da Nova gramática galega e da edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte de Os Eidos, de Uxío Novoneyra, que saen do prelo, ambos os dous, no marco do catálogo da editorial nipona Kakenhi.

Nova gramática do galego do profesor Asaka ofrece unha nova versión da Gramática do galego moderno que publicara en 1993, un texto pioneiro que agora se actualiza consonte á modificación normativa do 2003 e implementa a través de novos apartados e abondosos exemplos de uso, sen dúbida moi útiles para aqueles que desexen aprender o galego tamén na súa realidade máis conversacional. O libro conta, amais, cun prólogo no que Francisco Fernández Rei destaca o longo vencello de Asaka con Galicia desde hai décadas e fai un cumprido repaso da súa produción lingüística e literaria arredor da nosa lingua.

Por parte, a edición bilingüe galego-xaponés da primeira parte do poemario Os Eidos de Uxío Novoneryra posibilita o coñecemento polo público nipón dunha das obras cimeiras da poesía galega de posguerra. Publicado orixinariamente en 1955, Os Eidos condensa o máis característico da escrita do autor, quen espella nel a súa visión da natureza e o ser antropolóxico do Courel e, por extensión, de toda Galicia, tanto na súa dimensión material coma inmaterial, tanto no relativo á xeografía ou á meteoroloxía, á botánica ou á zooloxía, como desde unha dimensión cósmica e pannaturista. A edición conta cunha cuberta de Xosé Vizoso e cun documentado e revelador prólogo de Claudio Rodríguez Fer, especialista na obra do courelao, quen dá conta da especial significación destes versos e destaca a súa natural proximidade coa lírica do haiku, tan definitoria da cultura xaponesa.

Takekazu Asaka (Tokio, 1952), profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tsudajuku, entrou en contacto coa cultura e a lingua de Galicia a finais dos anos setenta, mantivo correspondencia no seu día con significados galeguistas, como Ramón Piñeiro e Xaime Isla Couto, e publicou desde entón numerosos artigos e investigacións relacionadas coa lingua galega.