Print this page

O libro galego está presente en Frankfurt, a Feira do libro máis importante de Europa

Rate this item
(0 votes)

Dezanove editoriais galegas estarán presentes na LXIII edición da Feira Internacional do Libro de Frankfurt (Alemaña), que comezou onte e finalizará o vindeiro 16 de outubro.

O expositor, compartido pola Xunta de Galicia e a Asociación Galega de Editores, de 64 metros cadrados, contará nesta feira internacional coa participación de Edicións Tambre, Edicións Xerais de Galicia, Biblos, Ir Indo Edicións, Kalandraka Editora, Nova Galicia Edicións, Editorial Galaxia, Hércules de Ediciones, Editorial Everest, Espiral Maior, Editorial Toxosoutos, Baía Edicións, Ideaspropias Editorial, OQO Editora, Ediciones Linteo, Edicións Embora, Andavira Editora, Rinoceronte Editora e Alvarellos Editora.

Entre os diferentes actos convocados, destaca a presentación da colección "Galician Classics", promovida pola Consellería de Cultura e Turismo co obxectivo de difundir en lingua inglesa as obras máis destacadas da literatura clásica galega. O responsable de Cultura, Roberto Varela, dará a coñecer esta iniciativa de internacionalización das nosas letras a partir dos traballos Collected Poems, a recompilación en inglés da obra poética de Lois Pereiro, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2011; e Folks from Here and There, a tradución de Xente de aquí e de acolá, de Álvaro Cunqueiro, de quen se conmemora o centenario do seu nacemento.