Print this page

O libro educativo na era dixital centrará o XVI Simposio O libro e a lectura

Rate this item
(0 votes)

O libro educativo na era dixital é o lema do simposio sobre o libro e a lectura que organiza en novembro a Asociación Galega de Editoras e o Departamento de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas do Concello de Santiago, en colaboración con Cedro, o Consello da Cultura Galega e o goberno de Galicia.

Terá lugar no Auditorio do Consello da Cultura Galega, en Santiago de Compostela, os días 21 e 22 de novembro.  Este simposio reúne a diferentes expertos e promotores da edición de libro educativo coa finalidade de ofrecer formación sobre a actualidade ao sector e ao público en xeral. Trátase dun encontro profesional onde se conversará, debaterá e reflexionará sobre o libro educativo na era dixital, a transmisión do coñecemento no ensino e a convivencia do libro en papel e do libro dixital.

Dúas conferencias, tres mesas redondas e un panel de experiencias vertebran un programa que se inicia o xoves 21 de novembro, ás 10.00 h. Antón Costa encargarase da conferencia de apertura Visión histórica da educación en Galicia. Seguiralle, o panel de experiencias Editar libro educativo, con representantes das editoras galegas Baía, Tambre e Rodeira (12.30 h.).

As sesións continúan na tarde do xoves 21 de novembro, ás 16.30 h., coa mesa redonda Proxectos educativos dixitais, a cargo de José Moyano, presidente de ANELE, Ana Guerra, de Edicións Obradoiro, Xosé Manuel Moo, de Xerais e a profesora, Susana Trigo.

Ás 18.30 h. celebrarase a mesa redonda As ferramentas da educación, con José Javier Pintor, asesor de formación do CFR da Coruña, o pedagogo, Xesús Rodríguez e a representante da AS.PG, Olga Patiño Abeixón, para pechar a xornada do xoves.

O venres 22 de novembro, iniciarase a segunda xornada do simposio, ás 10.00 h. coa mesa redonda O futuro da educación con Fernando Lacaci, presidente da Confederación de ANPAS galegas, Manuel Bragado, pedagogo e editor e a profesora Paula Fernández Seoane.

Finalmente, Gregorio Luri, encargarase da conferencia de peche das xornadas, Sen educación non hai lectura, ás 12.30 h.

As sesións do XV Simposio da AGE están abertas ao público, que pode inscribirse de balde ata cubrir as prazas (aforo 100 persoas) no enderezo electrónico Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.