Print this page

O legado de Carlos Casares difundirase dende a Cidade da Cultura

Rate this item
(0 votes)

A presidenta do padroado da Fundación Carlos Casares, Kristina Berg, e o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, anunciaron o acordo de colaboración alcanzado entre ambas institucións polo que a biblioteca e o arquivo particular do escritor ourensán pasarán a formar parte dos fondos da Cidade da Cultura de Galicia durante polo menos os próximos 30 anos co fin de promover o seu estudo, fomentar, difundir e estender o coñecemento xeral do patrimonio cultural galego e a formación de investigadores. O conselleiro de Cultura e Turismo destacou que esta "cesión gratuíta da cal somos beneficiarios todos os galegos" representa a doazón dun "extraordinario legado que Carlos Casares desexaba pór á disposición de Galicia". Un legado conformado por unha biblioteca de 6.000 libros e un arquivo particular que recolle preto de 7.000 documentos en papel inventariados e case 2.500 imaxes.

A cesión en réxime de comodato da Biblioteca e o Arquivo Particular de Carlos Casares é esencialmente gratuíta e terá en principio unha duración determinada de trinta anos desde a formalización do contrato. Esta cesión implica a utilización dos fondos bibliográfico e documental para a investigación e a súa difusión de maneira permanente. Do mesmo xeito, a Fundación Carlos Casares colaborará coa Biblioteca de Galicia no inventariado, catalogación e documentación dos fondos, así como na súa difusión.

A Biblioteca de Carlos Casares está composta por 6.000 volumes de variada índole. Entre eles destacan coleccións completas de autores nacionais e estranxeiros, en idioma orixinal e tamén en traducións ao galego e ao castelán. Algúns libros datan dos anos trinta e responden á herdanza familiar, aínda que a maioría do fondo bibliográfico data dos anos 60 e 80 do século XX. Deste fondo achégase o inventario de 3.080 libros que se custodian na Fundación Carlos Casares e que constituirán a primeira entrega de material á Biblioteca de Galicia.

O Arquivo Particular de Carlos Casares está formado por manuscritos e mecanoscritos de novelas, contos, artigos, ensaios, discursos, cartas, conferencias, notas e borradores do escritor, así como por fotografías, recortes de prensa, correspondencia recibida e documentación relativa ao desempeño da súa faceta profesional e institucional. Estes documentos amósanos a un Carlos Casares fóra do seu traballo como escritor, isto é, como editor na editorial Galaxia, parlamentario durante a primeira lexislatura do Parlamento de Galicia, académico da RAG, presidente do Consello da Cultura Galega, presidente do PEN Clube de Galicia e como padroeiro de diversas Fundacións. No momento actual, este arquivo componse de 102 carpetas e caixas que recollen 6.995 documentos en papel inventariados e 2.477 imaxes das que 1.100 son fotografías positivadas e 1.377 son diapositivas.