Print this page

O historiador Xusto Beramendi receberá a medalla Castelao

Rate this item
(1 Vote)
Xusto Beramendi Xusto Beramendi Foto: Ollo de Vidro-ACAB

O Consello da Xunta aprobou na súa sesión de onte o decreto polo que se conceden as medallas Castelao na súa edición do 2017 a aqueles galegos e galegas cuxa obra, en calquera faceta da actividade humana, se considera merecedora do recoñecemento de toda Galicia.

Entre as merecedores deste recoñecemento está o historiador especializado na historia das ideoloxías e dos nacionalismos Xusto Beramendi. Beramendi naceu en Madrid no ano 1941. Cursou estudos de Enxeñería Industrial nesa cidade (1959-1967), de tradución en Barcelona (1969-1974) e o Doutorado en Historia en Santiago de Compostela (1987). Posteriormente foi catedrático de Historia Contemporánea na Universidade de Santiago de Compostela, da que tamén foi vicerreitor (1990-1994).

Consagrou a súa vida académica ao estudo das ideoloxías e o nacionalismo, de feito, entre as súas obras figuran estudos sobre as figuras de Vicente Risco, Manuel Murguía ou Alfredo Brañas, ademais do monumental ensaio De provincia a nación: Historia do galeguismo político. Este último valeulle o Premio Nacional de Ensaio 2008.

Xubilouse no ano 2012 aínda que non abandonou a actividade intelectual, actualmente preside a xunta rectora do Museo do Pobo Galego do que foi cofundador. Ademais, é membro fundador da Fundación Castelao e director da sección de pensamento político da Fundación Vicente Risco.

O resto das medallas Castelao entregaranse a Cristina Pato, o Oceanográfico de Vigo, o Grupo Nove e a Xosé Ramón Gayoso.

Estas distincións serán entregadas, como cada ano, o vindeiro 28 de xuño.