Print this page

O grandioso o fermoso traballo de Pablo Carpintero Os instrumentos musicais na tradición galega, dispoñible no web do Arquivo Sonoro de Galicia

Rate this item
(0 votes)

O Consello da Cultura Galega presentou a semana pasada a versión intreractiva multimedia do libro Os instrumentos musicais na tradición galega, de Pablo Carpintero e publicado en papel pola editorial ourensá Difusora e premio Losada Diéguez no eido de Investigación e Ensaio.

A obra de Carpintero, que estudia uns 150 instrumentos, aparece enriquecida na versión web coa incorporación de diferentes sons e vídeos e estará dispoñible no sitio web do Arquivo Sonoro de Galicia. Na presentación que Pablo Carpintero realiza no web, subliña que este espazo contén "información de distinta índole sobre os instrumentos musicais tradicionais galegos. Nela poderás achar unha descrición detallada de cada instrumento musical, os seus nomes tradicionais, a súa historia e tamén información sobre quen, cando, como e onde se tocaba, entre outras cousas. Tamén poderás ver fotografías e deseños dos instrumentos, realizados por Ramón Marín, así como un vídeo onde poderás ver como se toca e como soa cada instrumento musical".

O Secretario do Arquivo Sonoro de Galicia, Alfonso Vázquez-Monxardín, destacou a importancia da versión interactiva multimedia do libro e recordou os obxectivos do Arquivo, creado polo Consello da Cultura Galega en 1992 para recompilar, preservar, catalogar e difundir o patrimonio oral e musical de Galicia. Pola súa banda, Iván Area Carracedo, profesor de Matemática Aplicada na Universidade de Vigo e coordinador do Proxecto Ronsel, unha iniciativa das tres universidades galegas e da Xunta, para a recuperación e a salvagarda do patrimonio inmaterial, aludiu ao traballo desenvolvido en pouco máis de dous anos e agradeceu a colaboración do Consello da Cultura Galega na difusión desta obra. Referiuse a Pablo Carpintero como “un dos doce apóstolos nesta tarefa, un dos maiores expertos mundiais na materia”.