Print this page

O goberno de Galicia investirá 120.000 euros en melloras da Casa-Museo de Rosalía de Castro

Rate this item
(0 votes)

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, e o conselleiro de Cultura do goberno de Galicia, Román Rodríguez, veñen de firmar un convenio de colaboración para realizar diversas actuacións de acondicionamento e reforma dos edificios anexos á Casa-Museo de Rosalía de Castro en Padrón. Con estas intervencións búscase que tanto as actividades da Fundación como as visitas á Casa poidan desenvolverse nas mellores circunstancias posibles. Deste xeito, a Consellería de Cultura investirá 120.00 € distribuídos de xeito alícuota durante as anualidades de 2017 e 2018, cun monto para cada período de 60.000 euros.

A Fundación Rosalía de Castro nace do Padroado Rosalía de Castro, instituído no ano 1947, e, nun acto celebrado no Colexio de Fonseca en Santiago de Compostela, o 29 de decembro de 1995, institúese como Fundación. Ten a súa sede na Casa da Matanza e é unha organización de interese galego cuxa finalidade é fomentar e difundir a memoria da escritora, conservar o conxunto da Casa-Museo e salvagardar e incrementar o patrimonio rosaliano para que poida ser contemplado e estudado.