Print this page

O Gaiás acolle unha das exposicións máis ambiciosas sobre a Xeración Nós

Rate this item
(0 votes)

A Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, acolle ata o día 17 de xaneiro a exposición Galicia, de Nós a nós, que  reúne máis de 300 pezas na mostra máis completa e ambiciosa sobre a Xeración Nós, no que se conmemora o centenario da publicación da revista Nós. Deste xeito, o Museo Centro Gaiás exhibe obras procedentes de Francia, Alemaña e Portugal que poñen o foco nas conexións internacionais da revista e dos seus impulsores, abrindo unha vía para subliñar a dimensión de universalidade e apertura da cultura galega. Tamén para destacar o legado do grupo de intelectuais galeguistas que contribuíron decididamente, nas primeiras décadas do século XX, ao desenvolvemento, renovación e internacionalización da lingua e da cultura galega.

Comisariada por Afonso Vázquez-Monxardín Fernández e Ana Acuña Trabazo, Galicia, de Nós a nós nace tamén co espírito de servir como elemento que aglutine e reforce unha personalidade galega actual propia, ilustrada, universalista e aberta ás correntes de pensamento mundiais, como foi a emanada daquela iniciativa editorial nos anos vinte e trinta; ademais dar a coñecer polo miúdo unha revista que é un dos referentes imprescindibles da cultura galega do s. XX.

Levándonos desde o tempo dos considerados pais do galeguismo contemporáneo ata os nosos días, a mostra permite contemplar obras que foron obxecto de estudo da revista, como o Santiago de Morlaix, o Cristo de Santa Eufemia de Ambía, os esmaltes de Limoges da Catedral de Ourense, o puñal de Beluso, ou a estela de Florderrei Vello. Ademais, reúne por vez primeira documentación dispersa por distintos arquivos que ilustra o desenvolvemento da revista: estatutos e títulos de socios da Sociedade Nós, recibos, subscricións, axenda, libro de contas, facturas ou correspondencia entre os protagonistas, que permiten rastrexar o devir da publicación.

A exposición emprega as novas tecnoloxías como un elemento que axuda a construír o relato expositivo a través do uso de elementos interactivos, audiovisuais ou realidade aumentada. Ademais, atendendo á situación xerada pola pandemia da covid-19 e para  minimizar calquera risco de contaxio, todos os elementos interactivos da exposición empregan tecnoloxías sen contacto físico. A través de sensores de presenza e movemento, as persoas visitantes poden controlar as diferentes pantallas interactivas da exposición sen tocar nada e empregando os seus dispositivos electrónicos persoais no caso das recreacións en realidade aumentada.

Recrear virtualmente o campamento romano de Aquis Querquennis, mergullarse nos temas, autores e conexións internacionais da revista, experimentar coa iconografía de Nós deseñada por Castelao ou viaxar ás cidades galegas do século XIX a través da cartografía da época son algunhas das experiencias que as persoas visitantes poderán experimentar. Completan o percorrido expositivo un coidado traballo gráfico, asinado polo infografista e ilustrador Álvaro Valiño e unha peza audiovisual sobre a pegada de Nós na sociedade galega do século XXI --na que participan a poeta Yolanda Castaño, o cineasta Oliver Laxe, a cantautora Faia Díaz, a fotógrafa Lúa Ribeira, o deseñador Carlos Hidalgo, a artista visual Marta Verde, a arqueóloga Rebeca Blanco e o pedagogo Alejandro Sotelino.

Tras a súa estancia no Museo Centro Gaiás, a mostra comezará unha itinerancia no Centro Cultural Marcos Valcárcel, en Ourense, onde se poderá visitar entre o 18 de febreiro e o 4 de abril de 2021. Tanto o número de pezas como a montaxe serán as mesmas que na Cidade da Cultura. Esta itinerancia realízase en virtude do acordo coa Deputación de Ourense –entidade coorganizadora da mostra–. A continuación, entre o 6 de maio e o 11 de xullo de 2021, a mostra itinerará ao Museo de Pontevedra, en virtude dunha colaboración coa Deputación de Pontevedra.

Media