Print this page

O fotógrafo Manuel López doa á Deputación da Coruña a súa biblioteca persoal

Rate this item
(0 votes)

O fotógrafo e director da revista FOT Manuel López doou á Deputación da Coruña a súa biblioteca persoal, composta por máis de 4.000 volumes e un centenar de títulos de revistas relacionados coa fotografía.

“Hoxe a Biblioteca provincial faise máis grande, grazas á xenerosa doazón de Manuel López”, afirmou o presidente Provincial Fernández Moreda, que destacou que coa incorporación deste importante fondo bibliográfico, a Biblioteca da Deputación da Coruña “convértese na máis importante de Galicia e nunha das máis importantes de España para o estudo de todo o relacionado co mundo da fotografía e a imaxe”.

Entre os volumes doados por Manuel López figuran numerosos libros de foto de autor, libros de historia da fotografía, monografías fotográficas ou libros sobre teoría e técnica fotográfica, ademais da colección completa da revista FOTO desde a súa primeira edición en 1982 e libros franceses, italianos, alemáns ou holandeses que o fotógrafo adquiriu nas súas frecuentes viaxes por Europa. Os libros, xa clasificados e catalogados, poden ser consultados desde hoxe por calquera cidadán que o desexe nunha sala específica de 102 metros cadrados habilitada para o efecto na Biblioteca provincial coruñesa, na rúa Rego de Auga.

A doazón terá ademais carácter aberto, é dicir, irase complementando co paso do tampo a razón duns douscentos volumes anuais, segundo confirmou o propio Manuel López, que considerou “un honor” poñer os seus libros ao dispor dos cidadáns da provincia e anunciou que nas vindeiras semanas achegará a este fondo bibliográfico outros 500 tomos.

A Biblioteca Provincial da Coruña suma así unha nova doazón bibliográfica que vén complementar outras interesantes contribucións realizadas por Canuto Berea ou César Antonio Molina, entre outros, que cederon as súas bibliotecas persoais a esta institución.