Print this page

O filólogo e etnógrafo ourensán Elixio Rivas Quintás recibirá a Medalla de Ouro da Provincia

Rate this item
(0 votes)

A Deputación de Ourense concederá ao filólogo e etnógrafo ourensán Elixio Rivas Quintás a Medalla de Ouro da Provincia. Así o deu a coñecer presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, trala reunión que mantivo co filólogo no Pazo Provincial, acompañado polos directivos da Asociación Cultural "Amigos da Vía da Prata" José Antonio Quintás e José Luis Rodríguez Cid, destacando que con este recoñecemento "rendemos homenaxe e poñemos en valor, aínda máis, as importantes achegas de Elixio Rivas nos ámbitos da toponimia, a etimoloxía e a lingua galega, un tesouro cultural que soubo investigar, preservar e impulsar como poucos, polo respecto á nosa historia, a nosa fala e ás nosas tradicións, que marcaron sempre a súa dilatada carreira profesional".

Elixio Rivas Quintas (Fondo de Vila, Xunqueira de Ambía, 1925), relixioso paúl, filólogo e etnógrafo, recibiu Premio Otero Pedrayo en 1980 pola súa obra A Limia, e foi tamén distinguido co Premio "Taboada Chivite" (1980) e coa a Medalla Castelao do goberno e Galicia (2000). A Deputación de Ourense outórgalle a máxima distinción provincial como homenaxe a unha forma de ser e de sentir o noso, de divulgar os mellores valores que nos singularizan como pobo e como país, así como un recoñecemento á nosa cultura.

Eligio Rivas é licenciado en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago de Compostela (1975) e doutor na mesma especialidade (1979). Especialista en Toponimia, a súa tese de doutoramento sobre esta materia e os seus traballos de investigación etimolóxica son un referente nos estudos universitarios referidos a esta temática. É membro da Comisión de Toponimia da Xunta de Galicia desde 1978 e fundador e presidente da Asociación Galega de Onomástica da Universidade de Santiago, así como correspondente da Real Academia da Historia.

Entre as súas obras e proxectos destacan a restauración da ermida de San Mamede; os traballos a prol da restauración do Camiño Mozárabe de Santiago, e a creación e restauración das pezas do Museo Etnográfico situado en Montemedo, Os Milagros, ademáis de toda a produción bibliográfica nos eidos da lexiocografía, a onomástica, filoloxía, a toponimia, etnografía, historia e a arte.