Print this page

O falecemento de Albino Mallo e Manuel Quintáns deixan un pouco máis orfa a nosa literatura

Rate this item
(0 votes)
Manuel Quintáns e Albino Mallo Manuel Quintáns e Albino Mallo

Estes días a cultura e a literatura quedan un pouco máis orfas cos falecementos de Albino Mallo e Manuel Quintáns.

Xornalista e escritor, Albino Mallo finou o pasado 16 de setembro na Coruña aos 91 anos. Vigués de nacemento, o seu pai abriu o hoxe desaparecido café Derby, no centro da cidade olívica. Un café polo que pasaron políticos e intelectuais da época e que Albino Mallo deixou reflectido no seu libro Algo máis que un café. O Derby de Vigo. 1921-1968, publicado por Galaxia. Mallo licenciouse en Dereito na Universidade de Santiago e marchou a Madrid traballar de pasante. Durante a súa estancia en Madrid exerceu a escrita xornalística no diario compostelán La Noche. Dirixiu posteriormente varios xornais, como El Ideal Gallego.

Dentro da súa obra literaria, destacan as súas obras ensaísticas, como o libro Colmeiro, Laxeiro e Torres, tres pintores históricos de Pontevedra (Xunta) ou La otra medicina en Galicia (Editorial Compostela)

Pola súa banda, Manuel Quintáns Suárez naceu na parroquia de Freixeiro, en Santa Comba, no ano 1931. Profesor, tradutor e escritor, fundou e coordinou as revistas Anduriña e Seitura, e creou a colección Vieiros de Galicia.

Aínda que publicou a novela Nerio. Repinique de silencios en vermello, a súa obra centrouse no ámbito ensaístico, con abondosa obra sobre a cultura popular e sobre o teatro. Como tradutor trouxo ao galego obras de Apuleio e de Aristóteles. Tamén exerceu como investigador no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades.

Manuel Quintáns deixounos este pasado luns aos 88 anos.