Print this page

O escritor e xornalista Arturo Lezcano falece aos 79 anos

Rate this item
(0 votes)
Arturo Lezcano Arturo Lezcano Foto: AELG

O escritor e xornalista Arturo Lezcano finou onte, aos 79 anos de idade, na cidade da Coruña.

Lezcano nacera en Ourense no ano 1939. Comezou estudos de dereito, pero antes de rematalos iniciou a súa carreira profesional como xornalista en La Región. Foi director de Ferrol Diario e redactor xefe de La Voz de Galicia, xornal no que traballou até a súa xubilación. En 1987 recibiu o Premio de Xornalismo de Galicia e en 1991 obtivo o Premio Julio Camba.

No eido literario era moi coñecido polo seu vencello con Vicente e Antón Risco, de feito Arturo Lezcano foi vicepresidente da Fundación Vicente Risco de Allariz. Como narrador deuse a coñecer na Antoloxía da literatura fantástica en lingua galega, de Antón Risco (1993), e máis tarde publicou Os dados de Deus (1994), un libro de relatos no que aparecen moitas das liñas temáticas dos contos fantásticos e de terror de Só os mortos soterran os seus mortos, ambos os dous publicados por Galaxia. O seu derradeiro libro publicado foi Antón Risco, con nome propio, editado no 2015 pola Fundación Vicente Risco e a Deputación de Ourense.