Print this page

O Encontro Galego de Ilustración trae a Galicia a Ana Galvañ, Juan Díaz-Faes e Miguel Gallardo

Rate this item
(0 votes)

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) celebra o seu Encontro Galego de Ilustración, unha cita anual que este ano chega a súa edición número 15, e ofrece máis contidos e actividades de interese tanto para profesionais como para o público xeral. Este encontro desenvolverase os días 28 e 29 de setembro en Santiago de Compostela.

Os convidados principais deste ano son tres nomes de grande relevancia dentro do panorama actual da ilustración: Ana Galvañ, Juan Díaz-Faes e Miguel Gallardo.

O venres 28 a Unitaria (Calzada de San Pedro, s/n) acolle dúas actividades: un obradoiro de ilustración a cargo de Miguel Gallardo —co irónico título de Eu non sei debuxar— e unha nova sesión da Ilustranoite, formato en que unha decena de ilustradores e ilustradoras de Galicia presentarán os seus proxectos de xeito áxil, ameno e moi visual.

O sábado 29, durante toda a xornada no Auditorio de Galicia (Av. do Burgo das Nacións, s/n), terán lugar as charlas de Galvañ, Díaz-Faes e Gallardo. Ademais, haberá un panel de experiencias en que os galegos Pilar Marcó, Xurxo G. Penalta e David Pazos falarán da súa visión como ilustradores para a industria téxtil galega.

Todas as actividades son de entrada libre e gratuíta, agás o obradoiro, que precisa dunha inscrición previa de 15 euros (5 euros no caso dos socios da AGPI). Toda a información pode consultarse aquí.

Desde 2004, o Encontro Galego de Ilustración trae a Galicia ilustradores e ilustradoras de primeiro nivel internacional, sen esquecer os grandes nomes da ilustración galega.

Esta cita dá cabida a todas as áreas existentes dentro da profesión, desde o mundo editorial ata o da animación, pasando pola publicidade ou os medios dixitais. Polo Encontro teñen pasado autores do talle de Ajubel, Algarabía Animación, Horacio Altuna, Arnal Ballester, Xosé Cobas, Suso Cubeiro, Luís Davila, Cristina Durán, Manel Fontdevila, Forges, Sagar Forniés, Giovanna Lopalco, Xan López Domínguez, Mar Malota, Xaquín Marín, Ignacio F. Maroto (Bambinomonkey), Max, Elena Odriozola, Carlos Ortín, Puño, Raúl, Julián Romero, David Rubín, Siro, Alberto Taracido, María Luisa Torcida, Alberto Vázquez ou Xosé Vizoso.

O Encontro ten tratado, ademais, temas clave para a profesión como os dereitos de autor, a situación económica do sector, os cambios nos modelos de negocio ou o impacto das novas tecnoloxías. Temas debatidos e analizados por especialistas procedentes de organizacións e ámbitos moi diversos: axencias de ilustración, avogados, entidades de xestión, editoriais, asociacións sectoriais…

Catorce anos despois, a ilustración está moito máis normalizada na nosa paisaxe cultural. O Encontro busca agora dar un paso adiante como cita pioneira en Galicia para os profesionais e dos amantes da ilustración gráfica.