Print this page

O Día das Letras galegas 2012 será para Valentín Paz Andrade

Rate this item
(0 votes)

O Plenario da Real Academia Galega acordou dedicar o Día das Letras Galegas de 2012 ao escritor, xurista e político Valentín Paz Andrade (Lérez, Pontevedra, 1898 - Vigo, 1987).

Valentín Paz Andrade licenciouse en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela en 1921 e foi durante a súa etapa de estudante cando se achegou ao movemento galeguista, participou na II Asamblea Nacionalista de Santiago de Compostela (1919). Era director do xornal Galicia en 1926 cando foi cerrado pola ditadura de Primo de Rivera. Presidiu o Grupo Autonomista Galego (1930), foi candidato ás Cortes Constituíntes de 1931 xunto con Castelao e Ramón Cabanillas, colaborador da redacción do anteproxecto de Estatuto de Galicia presentado polo Seminario de Estudos Galegos (1931) e membro activo do Partido Galeguista, do que foi nomeado secretario en 1934.

Durante a Guerra Civil axudou a fuxir e defendeu a moitos intelectuais galeguistas. Por causa da súa actividade política e da publicación dalgúns artigos foi detido en diversas ocasións.

As súas colaboracións foron frecuentes nos xornais El Pueblo Gallego, Faro de Vigo e La Noche, onde aparecían asinadas cos pseudónimos M., Xan Quinto e Mareiro. Desde 1945 xuntábase no café Alameda, de Vigo, con intelectuais e artistas como Carlos Maside, Laxeiro, Prego de Oliver, Fernández del Riego, os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez, entre outros, para falaren e debateren.

Os seus escritos literarios, históricos e económicos reflicten a súa preocupación polo progreso e o avance de Galicia, Galicia como Tarea (1959), La anunciación de Valle-Inclán 1967),  La marginacíón de Galicia (1970), Castelao na luz e na sombra (1982), Galiza lavra a sua imagem (1985). Da súa faceta poética temos achegas como, Soldado da morte (1921), Pranto matricial (1954), Sementeira do vento (1968), Cen chaves de sombra (1979) ou Cartafol de homenaxe a Ramón Otero Pedrayo (1985).

Foi membro correspondente da Real Academia Galega desde 1964 e numerario desde 1978, cando deu lectura ao preceptivo discurso, que titulou A galecidade na obra de Guimarães Rosa, e que foi respondido en nome da institución por Álvaro Cunqueiro.

Xosé Fernández Ferreiro, novo Académico electo

No mesmo Plenario da Real Academia Galega acordouse nomear académico electo a Xosé Fernández Ferreiro, para ocupar a vacante que se produciu tras o falecemento do académico numerario Francisco Fernández del Riego. Con esta decisión, segue a polémica pola non incorporación de novas mulleres á Academia.

Xosé Fernández Ferreiro (Espartedo, Nogueira de Ramuín, 1931) é ese escritor tradicional, enigmático, pouco amigo da primeira liña, do primeiro plano, sabedor de que o escritor permanece polas súas páxinas, pola súa obra, pola calidade da súa pluma.

Á súa prolixa traxectoria como escritor e xornalista únese o seu compromiso inquebrantable co país e coa lingua. Xa de mozo participou do mundo intelectual formando parte do grupo Brais Pinto, en Madrid, e dando ao prelo os seus primeiros libros de poesía. No ano 1975 con A morte de Frank González, ilustrado por Luís Seoane, convértese e pioneiro ao publicar a primeira novela en galego de xénero wéstern,  tamén experimentou os camiños da ciencia-ficción, pouco transitados ata ese momento polos escritores en Galicia, e puxo a súa pluma a disposición do país para narrar e denunciar as inxustizas sociais en libros como Morrer en Castrelo de Miño. Do seu maxín saíron numerosas novelas e algunhas delas recibiron premios significativos, como o Xerais ou o Losada Diéguez. Ás distincións literarias podemos sumar os galardóns como xornalista, pois, por exemplo, recibiu o Premio Galicia de Periodismo polos centos e centos de artigos que publicou en distintos periódicos.