Print this page

O Consello da Cultura Galega recupera en edición facsimilar a revista LOIA

Rate this item
(0 votes)

LOIA, a revista que fundou en Madrid Lois Pereiro con Manuel Rivas, Xosé Manuel Pereiro e Antón Patiño entre 1975 e 1978, e que acolleu as primeiras expresións poéticas do poeta homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas, recupérase agora nunha edición facsimilar e estudo crítico a cargo do Consello da Cultura Galega.

“Un día ocorréusenos, a Manuel Rivas e a min, que, como eu tiña un irmán poeta en Monforte, podiamos facer unha revista. A Manolo faláranlle dun rapaz tamén de Monforte, que eu non coñecía, que debuxaba moi ben. Chamábase Antón Patiño e resultou ter unha moza, Menchu Lamas, que tamén facía deseños. Quedamos unha tarde…Eu era o secretario de organización e capataz.” E así comezou todo narrado polo xornalista, e actual Decano do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, Xosé Manuel Pereiro.

O Presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, apuntou que facsímile e texto forman agora “unha nova unidade que debe resistir máis cómodamente o paso do tempo. Como o resiste aquela obra auroralmente publicada en LOIA por unha xente moza que non podía saber a onde chegaría, pero que era consciente de que debía cambiar o mundo”. E engadiu: “Esta pouco coñecida revista é a mellor expresión daqueles soños e utopías que, polo menos en parte, se volveron realidade”.

A edición-homenaxe de LOIA continúa a tradición do Consello da Cultura Galega de sumarse cada ano á gran festa da lingua, a literatura e a cultura galegas cunha publicación facsimilar que ven subliñar e divulgar algún trazo da obra da figura senlleira evocada na efeméride.

A edición  de LOIA inclúe a reprodución facsimilar dos catro números da revista e cinco textos contextualizadores e evocadores: “LOIA ou o fardel dos soños primeiros” (Limiar), de Ramón Villares; “Un antimanifesto chamado LOIA” (Xosé Manuel Pereiro), “LOIA na lembranza” (Antón Patiño), “LOIA, o gzine underground entre a memoria básica e o punk” (Helena González Fernández) e “Unha luz de treboada aínda máis pálida” (Manuel Rivas).