Print this page

O Consello da Cultura Galega publica na súa web o epistolario do escritor e traductor Lois Tobío

Rate this item
(0 votes)
Lois Tobío Lois Tobío Foto: Consello da Cultura Galega

O Consello da Cultura Galega (CCG) pon na rede o epistolario do escritor, tradutor e diplomático viveirense Lois Tobío. Son 432 cartas que nos permiten descubrir a visión europeísta e integradora de Tobío e da súa xeración, a documentación de iniciativas xestadas na emigración en prol da cultura galega e que, ademais, nos axudan a reflexionar a historia recente de Galicia, España, Europa e América. O epistolario presentase acompañado dun artigo da profesora Montserrat Bascoy no que dá as claves para comprender e contextualizar a correspondencia.

As 432 caras que compoñen o epistolario que se poñen na rede pertencen ao fondo familiar que a súa filla, Constanza Tobío, cedeu ao CCG para a súa difusión. Castelao, Francisco Fernández del Riego, Anselmo Carretero… son moitos os nomes propios que aparecen como receptores.

O exilio, a emigración retornada, a preocupación por saber o que acontece en Galicia e no resto do mundo ou como se xestaron numerosos proxectos culturais,  como a publicación da “Historia de Galiza” de Otero Pedrayo, son algunhas das temáticas que se desprenden destas cartas.

Lois Tobío (Viveiro, 1906-Madrid, 2003) foi un intelectual que desenvolveu ao longo da súa vida as facetas de diplomático, investigador, profesor, xornalista e tradutor. Foi un dos promotores do Seminario de Estudos Galegos cando era un estudante de Dereito en Santiago de Compostela. Estudou Ciencias Políticas no Berlín de entreguerras. Foi un dos redactores do anteproxecto do primeiro Estatuto de autonomía en 1931 e elaborou, con Castelao, a declaración programática do Partido Galeguista. Está considerado un piar fundamental na construción política e xurídica do nacionalismo galego.

Durante o seu exilio, escribiu sobre política internacional e sobre cultura galega. Desde a súa volta, centrouse, entre outras investigacións, no estudo da figura do conde de Gondomar, embaixador de Felipe II na corte de Inglaterra, sobre o que publicou varios ensaios. Tamén traduciu ao galego numerosas obras de románticos franceses e alemáns, entre elas Fausto, de Goethe, e os Sonetos a Orfeo, de Rilke.

Máis información: