Print this page

O concello de Meira acolle mañá unha xornada de celebración dos 121 anos do poeta Avelino Díaz

Rate this item
(0 votes)

A Asociación Cultural Poeta Avelino Díaz organiza para mañá sábado unha xornada conmemorativa polo 121 aniversario de Avelino Díaz que se celebrará na Casa de Cultura do concello de Meira.

Na presentación da xornada o presidente da Asociación Cultural, Federico Cachafeiro, acompañado de Araceli Pillado, vicepresidenta da entidade, explicou que o programa consta de dúas conferencias impartidas, respectivamente, polos historiadores Miguel Anxo Seixas Seoane e Ramón Villares Paz, sobre aspectos da emigración e do exilio directamente relacionados con Avelino.

A actividade completarase cun recital poético de Mª José Fernández e de Xesús Castro Yáñez, e coa intervención musical do solista mirandés-chairego David Rodríguez.

Na rolda de prensa estiveron presentes o alcalde de Meira, Antonio de Dios, e o primeiro tenente alcalde de Riotorto, José Luis Lourido. Ambos concellos forman parte da asociación e colaboran, xunto á Deputación de Lugo, na celebración deste evento.

A Asociación Cultural "Avelino Díaz" pretende poñer en valor a vida e a obra de Avelino Díaz Díaz, nacido en Santa Comba da Órrea - Riotorto, pero que pasou boa parte da súa nenez en Meira. O "Poeta de Meira" emigrou sendo adolescente a Buenos Aires, onde desenvolveu un intensa actividade xornalística e literaria. Nunca regresou á Terra, e precisamente por iso a súa obra é, se cadra, máis coñecida en América que en Galicia. Dende a Asociación impúlsase a dedicación do Día das Letras Galegas para Avelino Díaz.

 

Programa

16.30 h. Proxección do documental sobre os actos arredor do 120 aniversario de Avelino.

17.00 h. Conferencia de Miguel Anxo Seixas Seoane. Galicia fora de Galicia: o Buenos Aires de Avelino Díaz.

18.00 h. Recital poético.

18.15 h. Conferencia de Ramón Villares. Emigración y exilio no tempo de Avelino Díaz.

19.15 h. Peche musical.

19.30 h. Merenda por Avelino.