Print this page

O Concello de Ferrol faise por fin coa casa natal de Carvalho Calero

Rate this item
(0 votes)

O Concello de Ferrol ven de anunciar a compra da casa natal do escritor e filólogo ferrolán Ricardo Carvalho Calero. Tras varios meses de negociacións cos donos do inmoble, o monto da operación chegou finalmente a un importe de 350.000 euros. Esta operación foi aprobada no pleno extraordinario celebrado o pasado mes de decembro.

A casa natal de Carvalho Calero, sita no número 51 da rúa San Francisco, precisará con carácter inmediato das intervencións correspondentes a obras de mantemento, limpeza e conservación polo seu lamentable estado de deterioro. A adquisición da casa natal de Carvalho Calero e dos dous inmobles anexos suporá non só recuperar a vivenda do lingüista ferrolán -primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da Universidade de Santiago de Compostela-, senón tamén un paso máis na rexeración integral do barrio de Ferrol Vello, declarado o pasado mes de febreiro como Ben de Interese Cultural (BIC) na categoría de conxunto histórico.

Así pois, o goberno local levará a cabo a rexeneración urbana do entorno da Praza Vella, para o cal o goberno está xa a traballar. A este respecto, teríanse en conta, ademais da casa de Carvalho Calero e os dous edificios anexos, outros dous inmobles cedidos ao Concello de Ferrol, outro de propiedade privada e un último pendente de expropiación. Así pois, preténdese crear un equipamento dotacional do que se poidan beneficiar as asociacións, crear un espazo público para o goce de Ferrol Vello e un espazo cultural anovado para toda a cidadanía. Respecto a este último, barállase a posibilidade dun museo adicado a Carvalho Calero e biblioteca do Centro Cívico, que se podería incluír no mesmo.