Print this page

O CIRP publica material inédito de Uxío Novoneyra

Rate this item
(0 votes)

O Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades vén de publicar novos materiais inéditos que afondan na figura e na obra de Uxío Novoneyra. Trátase do segundo volume de Celebración de Uxío Novoneyra (1930-1999), un proxecto editorial iniciado en 2010 por este centro de investigación.

A obra recolle novos datos bio-bibliográficos do poeta e dá conta, por exemplo, da memoria de licenciatura que sobre Os eidos se presentou na Facultade de Filoloxía da Universidade de Valladolid en 1978. Así mesmo, inclúe a listaxe de novidades ou reedicións de estudos e ensaios sobre a obra de Uxío Novoneyra publicados durante o 2010, ano no que tivo dedicado o Día das Letras Galegas.

Unha parte fundamental da obra constitúena os inéditos en prosa, textos ou discursos nos que a cuestión da lingua e os poemas do propio autor ocupan un posto preferente. Estes novos inéditos, que veñen sumarse aos publicados no primeiro volume, están máis centrados na obra literaria ou pictórica de nomes como os de Fole, Cunqueiro, Méndez Ferrín, Luís Seone, Lueiro Rei, Cuña Novás, Lourés, Manuel Coia e outros, moitos deles amigos do escritor.

O apartado epistolar do primeiro volume increméntase agora subdividido de acordo cos diferentes destinatarios (Ramón Piñeiro, Otero Pedrayo e outros). No caso de Ramón Piñeiro, as cartas acompáñanse de poemas logo integrados en Os eidos ou nas Elexías do Courel ou ben inéditos, variantes en moitos casos. Un apartado sobre autopoética complementa a obra, dirixida por Luís Alonso Girgado e Ramón López Vázquez e publicada dentro da colección Cadernos Ramón Piñeiro.

Coas publicacións Celebración e Celebración II búscase achegar o lector á figura de Uxío Novoneyra, así como favorecer un mellor e maior recoñecemento da obra do escritor. Estes dous volumes constitúen un importante paso na bibliografía crítico-textual do poeta do Courel.