Print this page

O CCG recrea nunha mostra o derradeiro gran discurso de Castelao, o Alba de gloria

Rate this item
(0 votes)

Si no abrante d-este día poidéramos voar sobor da nosa terra e percorrela en todas direicións, asistiríamos á maravilla d-unha mañán única. Dende as planuras de Lugo, inzadas de bidueiros, té as rías de Pontevedra, oureladas de piñeraes; dende as serras nutricias do Miño o a gorxa montañosa do Sil, até a ponte de Ourense, onde se peitean as augas d-entrambos ríos; ou dende os cabos da costa brava da Cruña, onde o mar tece encaixes de Camariñas, até o curuto do monte de Santa Tegra, que vence coa súa sombra os montes de Portugal, por todas partes xurde unha alborada de groria. O día de festa comenza en Sant-Iago. 

Deste xeito principia o Alba de gloria e agora, setenta anos despois da alocución histórica de Castelao en Bos Aires, o derradeiro que o rianxeiro deu en vida, o Consello da Cultura Galega organiza unha innovadora homenaxe cunha narrativa multimedia baseada na exploración e observación participante dunha das mellores pezas de oratoria escrita en galego. Comisariada por Manuel Gago, a través da combinación de realidade virtual, recursos audiovisuais e materiais documentais, a mostra transcende os formatos expositivos tradicionais cunha experiencia interactiva na que as novas tecnoloxías median un diálogo sensorial e emocional cun pasado no que Castelao nos sostén a mirada con conmovedora viveza.

A mostra ten unha parte central que é a Experiencia, na que o visitante a través dunhas gafas de realidade virtual pode entrar no mundo imaxinario de Alba de Gloria da man do propio Castelao. Canda ela hai outros apartados que permiten coñecer a relevancia do contexto e do discurso en maior profundidade.

O Labirinto reproduce as figuras que Castelao cita na súa alocución e na que se perfila un posible panteón nacional de Galicia. Unha relación da historia de Galicia cun dos mitos máis populares do imaxinario galego como é a Santa Compaña. 

A Sala das Palabras é un espazo que permite escoitar unha lectura dramatizada da alocución e mergullarse nos discursos da época.

A Árbore das historias plasma dun xeito gráfico os grandes relatos que foron emerxendo para definir ata hoxe a identidade histórica galega.

Ademais, a exposición tamén ten unha parte que permite ver a xenealoxía do propio discurso Alba de Gloria, que Castelao foi tecendo co paso do tempo, coas variantes que foi incorporando ou eliminando.

A exposición pode contemplarse en San Domingos de Bonaval ata  o 3 de febreiro de 2019.