Print this page

O CCG homenaxeará a Francisco Javier Río Barja

Rate this item
(0 votes)

O Consello da Cultura Galega homenaxeará o vindeiro 24 de febreiro ás 19.00 h. ao escritor, xeógrafo e catedrático Francisco Javier Río Barja, recentemente falecido e un dos fundadores da institución e membro do seu Plenario desde 1983 ata 2010. No acto participarán tamén representantes da Real Academia Galega das Ciencias, Instituto de Estudos Galegos “Padre Sarmiento”, Real Academia Galega e Universidade de Santiago de Compostela, das que foi parte o ilustre profesor desaparecido.

Francisco Díaz-Fierros Viqueira, vicepresidente do Consello da Cultura Galega será o encargado de abrir a xornada. De seguido Augusto Pérez Alberti, catedrático de Xeografía da USC, e Salvador García-Bodaño Zunzunegui, membro da Real Academia Galega intervirán con Francisco Rio Barja na memoria. Tras un recital ao piano de Xulio Mourenza abrirase un turno de intervencións que contará coa participación de Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, director do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento; Miguel Ríos Fernández, vicepresidente da Real Academia Galega de Ciencias; Xosé Luís Méndez Ferrín, presidente da Real Academia Galega; Juan nx0woé Casares Long, reitor da Universidade de Santiago de Compostela; e Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega.

Río Barja formou parte da Real Academia Galega como membro correspondente desde 1962 e como membro numerario desde o 25 de xuño de 1983, data en que leu o discurso de ingreso Interpretación xeográfica da paisaxe compostelana, que foi contestado en nome da institución por Antonio Fraguas Fraguas. Pertence ao Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do que foi director, ao Consello da Cultura Galega, á Academia das Ciencias de Galicia, e ao Instituto Galaico-Miñoto, entre outros. Os seu labor viuse recoñecido con diferentes distincións entre as que cómpre salientar o Premio Valle Inclán e o Alfredo Brañas do Centro Gallego de Buenos Aires, o Primeiro Premio do Departamento de Seminarios de Lugo, o Premio Ramón Mourente de xornalismo, a Medalla Castelao en 1996, o Premio Trasalba en 1995, ou o Premio das Letras e das Artes 2001.